Argumenten, ou calen
Editorial - lunes, 14 de enero de 2008
Os que somos votantes periodicamente, e durante os escasos períodos de calma testemuñas expectantes do traballo dos nosos políticos, agardamos poder aplaudir de cando en cando. Precisamente cando uns e outros de calquera signo dan proba de sentidiño, que non o fan demasiadas veces.
E non nos gusta que cando alguén berra un improperio un opoñente lle responda: Ti, máis. Nin cando lle lembra herdanzas recibidas, nin erros dos seus correlixionarios. Gostamos, todos os de a pé que cada vez entendemos menos de política, de que os argumentos sexan de peso, e se dea confrontación de ideas, e fuxindo de temas persoais se busquen mellores solucións para os temas que a todos nos afectan.
Entre Zapatero e Rajoy (xunto cos segundos e terceiro de a bordo) crúzanse dardos envenenados por tódolos demos da política. Entre os primeiros espadas galegos, pouco menos. E agora, os rapaces.
Os de NNXX (os máis novos do Partido Popular) criticaron algunha cousa do goberno do Psoe, na que xa nin entramos. E as XXSS (os máis novos do Psoe en Galicia) responden dicindo que non están capacitados para criticar polos antecedentes políticos do goberno do seu partido en Galicia. E quedamos como estabamos, estupefactos, porque pensabamos que os máis novos non ían herdar as malas formas dos xa afectados polas enfermidades da política.
Posiblemente os que se dedican á política teñan calculado as vantaxes e o risco das malas palabras e dos malos xeitos. Os que vemos o espectáculo desde fora coidamos que é este un mal camiño, que só consigue ir arredándonos cada vez máis dos temas públicos.
Se falan, argumenten. Se non o poden facer, ¡calen!.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora