Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Queixos de Sudán ou que súan

lunes, 15 de julio de 2019
No pasado os escolares xogaban cos acentos das palabras para confundir os interlocutores. Mañá terás maña para que a auga mane. Algo así estaría na mente dun comerciante galego establecido en Madrid cando quixo vender queixos de San Simón que se lle acumulaban no almacén e as calores do verán xa chegaban. Foi cousa da que se escribiu durante anos e que hoxe recordamos.

Era o ano 1913. A primeira páxina do xornal El Noroeste, editado na Coruña, daba a voz de alarma sobre o feito de que o conflito dos Balcáns estaba poñendo de moda as prendas de vestir e adobíos de orixe búlgara en detrimento das producións locais, e para incidir no asunto refería o suceso acaecido poucos anos antes. Fora o caso nun establecemento da madrileña rúa Toledo onde o tendeiro encheu o escaparate con queixos de San Simón que tiña sen vender.

Como os queixos, por afumados, eran de color morena, suaban graxa e tiñan, seica, un aspecto africano, o comerciante tivo a ocorrencia de indicar no letreiro anunciador ‘Quesos de Sudán a 2,50 pesetas el kilo’. A maña comercial deu resultado e, cóntase, non só vendeu os queixos que tiña, senón que debeu pedir con urxencia outro carromato deles porque se vendían coma o pan bendito.

O negocio non debeu ser malo, porque naquel ano nas feiras de Vilalba e a súa comarca o queixo de San Simón cotizábase a 0,50 pesetas a libra galega (1 libra, 575 gramos).

O suceso, fose certo ou só ben contado, non acabou aí. En 1919, en El Ideal Gallego, xornal de Ferrol, o veterinario Rof Codina matizaba o caso. Contaba que o tendeiro olocou o cartel de Sudán para distinguilos doutros con forma semellante. Engadía que o sindicato Juventud Agraria de Lanzós presentara este tipo de queixo na feira-exposición de 1913, que foran os únicos que o rei Afonso XIII probara e que neles estaba unha riqueza en Vilalba se os gandeiros se unían en cooperativas para elaboralos conservando sabores e texturas.

El Ideal Gallego en 1921 volvía sobre o asunto. Un comercio da rúa Arenal de Ferrol anunciaba nas festas de Nadal os queixos de San Simón como de Sudán ao elevadísimo prezo de 20 pesetas. Daquela o formato de transaccións dos queixos nas feiras cambiara e vendíanse, segundo tamaño e peso, por pares. En 1925 cotizábanse a 6, 7, 8 e 10 pesetas o par. Protestaba o xornal pola especulación cos prezos que facían tendeiros e almacenistas e recordaba o caso daquel que quixo vender sardiñas de Bueu máis caras porque dicía que eran de ‘Bué’, pronunciando como se fosen francesas.

Neste xornal tamén se recordaba que na exposición rexional da Coruña celebrada no pavillón-escolas Eusebio da Guarda en 1919, outra vez a Juventud Agraria de Lanzós presentara queixos de color amarela escura brillante e de forma cilindrocó-nica prolongada que recordaban un proxectil de artillería. Insistíase na necesidade de agrupar gandeiros en cooperativas para desenvolver unha riqueza segura na comarca.

Anos máis tarde, en xuño de 1953, outra vez Rof Codina recordaba o asunto no xornal La Noche, de Santiago. Había pouco vira expostos en Lugo uns queixos de San Simón que suaban porque ía calor, e iso fixo que recordase o episodio dos queixos de Sudán aínda que citando que os feitos sucederan en 1917 nun comercio da rúa León.

Como sucede con moitos acontecementos que se transmiten de voz en voz, pasado o tempo ao ser recordados pode que non parezan de todo ao real. En todo caso os queixos de San Simón conservan a boa sona que tiveron, manteñen o sabor xa apreciado hai máis de cen anos e as demandas de fábricas que aportasen riqueza á comarca de Vilalba son unha realidade.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES