Subida á Lagoa Negra
Hai rutas turísticas que cansan. Estou canso. Pódese dicir que botei case todo o día andando. Dóenme os pés e dóenme as pernas. E un pouco a cabeza porque tamén as incertezas cansan. Porque os rapaces pasan moito de igrexas e monumentos, por exemplo. Polo que hai que buscar outras alternativas, outros eventos, outros lugares, outras rutas. É nese momento cando a canseira se apodera máis da cabeza que do resto do corpo. Porque uns queren un lugar e os outros engurran o fociño. Porque uns prefiren o descanso no fogar e os outros tratan de razoar para evitar o acomodo. Menos mal que ó final, nunha das opcións, rematamos todos contentos, pero, iso si, cansos. Cansos de

andar por un camiño de cabras, pero bonito. A subida á Lagoa Negra, na provincia de Soria, foi normal, incluso monótona e aburrida porque transcorreu por unha estrada. A lagoa... a lagoa gusta máis pola paisaxe que polo propia lagoa. Paisaxes glaciares dos Picos de Urbión e cunha flora realmente espectacular. Logo dun merecente descanso nos penedos que arrodean a lagoa, iniciamos o descenso por un carreiro de cabras á par do río. Baixada incómoda pero bonita. De tan só dous ou tres quilómetros, pero suficientes para as típicas bromas que se gastan polas incomodidades e polo tremor das pernas. Porque, claro, a visita foi pola tarde; pero é que pola mañá xa houbera outras andainas.
Eterna e infinita
Benvidos ó mundo da fantasía no que a distancia vai de aquí ata alá e volta a empezar. Porque todo o que vai, vén; todo o que entra, sae; todo o que sobe, baixa. Benvidos ó mundo da fantasía no que Vangelis navega pola melancolía de Blade Runner e Harrison Ford vai á caza e captura do replicante Roy, que deixa escapar bágoas na chuvia. Todo un clásico da ciencia ficción, na que os soños, os meus soños acougan por fin ante o mellor tema de amor que se compuxo nunca para unha película. Benvidos ó mundo da fantasía no que corro por entre as carballeiras dunha infancia que non rematará nunca. A nenez será eterna. Aínda que morra de vello. Que morrerei. Pero incluso no derradeiro suspiro unha imaxe bailará na memoria para que saiba que nunha época fun feliz, inmensamente feliz. E a pesar das calamidades e miserias, dos medos e dos castigos. Benvidos ó mundo da fantasía no que penso que a música amansa ás feras e os libros lévanme polos camiños da vida. Dunha vida chea de ilusións e desexos, de sorpresas e realidades. As penalidades tan só quedarán almacenadas nun recantiño da memoria por se aquel. Pero quen quere lembrar a incerteza dun momento? Quen quere deixar de escoitar o blues de Blade Runner? Benvidos ó mundo da fantasía, da miña fantasía. Que será sempre eterna e infinita.