Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isto vai en serio

sábado, 13 de julio de 2019
Leo os motivos que seica alicerzan a baixada do autobús da segunda concelleira do grupo de goberno do Concello de Ourense e, igual que me aconteceu recentemente coa formación política dos "Cidadáns" ourensáns hai uns cantos días, móveme a mesma a unha colateral e xenérica reflexión.

Loxicamente, sen participar do día a día informativo e sen contactos directos sobre o que acontece arredor da composición e primeiros pasos do grupo de goberno da capital, sería temerario pola miña parte comezar a teorizar sobre se as razóns que argumenta a concelleira para poñer pé na terra mesmo denantes de chegar á primeira parada ou atreverme a poñelas en dúbida sen máis sostén có da información publicada, son ou non son as correctas, así como se hai unha letra pequena -que na maioría dos casos sempre a hai- que poida mudar substancialmente a realidade "real" da realidade que nos chega á opinión pública.

De tódolos xeitos, a min abóndame cun entrecomiñado que alude a unha presumible carga de traballo e de responsabilidade respecto das obrigas do cargo para a que polo visto tal concelleira non se sentía capacitada, para afirmar contundentemente a aseveración que inserín no titular. Non tanto respecto do seu caso particular, canto arredor dunha valoración xenérica sobre como se ve dende fóra a Administración local e como, logo, se contempla dende dentro, cando o día a día da xestión municipal comeza a botarse por riba de un e os problemas facilmente resolubles dende unha perspectiva meramente veciñal ou dende o escano da oposición, comezan a crecer en importancia sideral e cando un pensa que o camiño está libre para resolver o conflicto, resulta que sempre aparecer un penedo, un tronco ou unha inmensa silveira que non o permite continuar.

Que vivimos tempos absolutamente relativistas -semella unha contradicción, pero non é tal- é unha obviedade que fai que no ámbito da administración pública calquera se sinta capacitado para exercer calquera cargo institucional, dende o dun simple concelleiro dun pequeno concello do medio rural ata o de presidente do Goberno. Xa o dixo no seu momento José Luís Rodríguez Zapatero, máis ou menos así: "La democracia es algo tan grandioso que hasta yo mismo he podido llegar a ser presidente del gobierno".

E é certo. A democracia é algo tan grande que permite que calquera de nós, só co impulso da nosa vontade e o apoio voluntario dos cidadáns, podemos gozar da oportunidade de xestionar os recursos públicos como mellor entendamos. De aí que decidir formar parte dunha candidatura non é, nin moito menos, algo banal

("... vale, onde teño que asinar?"), senón ó contrario. Pois cando un menos o pensa resulta que vai o electorado e ordénache gobernar. É dicir, algo tan serio coma decidir -hoxe, mañá e pasado mañá- sobre a vida e o futuro colectivo dos demais.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES