Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Almas furtivas

jueves, 11 de julio de 2019
“Todas as almas son furtivas”, asegura Antón Santacruz, o protagonista dun dos tres relatos de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, o novo libro de Manuel Rivas publicado por Xerais.

E certamente. Na ánima de todos nós alenta un cazador solitario, un lobo estepario que procura, incesante, a liberdade dos seus pasos, o sentido da loita, un lugar no mundo.

Así o confirman estas tres narracións, ambientadas nese territorio mítico de Oeste, nación que Rivas leva frecuentando dende os inicios, velaí a súa Balada nas praias do Oeste, un poemario de hai máis de tres décadas que regresa aquí en espiral e fai boa a indagatoria radical que entón proclamaba o autor: “Son de aquí e non me é indiferente. Canto en Mohicania, no impaís, entre un Estado de guardas e outro de guardinhas. Sinto-me vello. Séculos e séculos. ¿Que será o que me leva, con novos foIgos, ás praias do Oeste?”.

A forza imparable do destino, a vida coma un pecio, un abismarse nos límites, desafiar as normas e xogar á ruleta rusa co futuro, destemidos e afoutos, nada que perder e todo por lograr. Así son as fatigas dos protagonistas desta terna de relatos, individuos que se rebelan contra o establecido, que se negan a acatar as normas e conformarse coas cartas que a deusa Fortuna lles repartiu. Contra a submisión, desobediencia. Ante a ameza de ruína do imperio erguido, memoria e firmeza. Fronte á lei do silencio e a violencia témera, o poder da lectura e o infindo das estrelas.

“O medo dos ourizos”, o conto co que se abre o libro, regálanos un personaxe de excepción, un mozo mariñeiro de audacia sen límites que decide bailar sobre o gume da navalla e desafiar o seu fado. Xunto a un seu camarada inseparable acabará por agochar un fardo de cocaína que atopa aboiando na costa, o que lle traerá problemas coa mafia colombiana. Arredor desta ousadía vai tecéndose unha arañeira de relacións interpersoais nas que as fías do amor, a amizade, a lealdade o anoan todo, coniventes coa transgresión liberadora da súa acción.

A segunda das historias, “Vivir sen permiso”, é a crónica do principio dunha fin, a de Nemo Bandeira, narcoemperador todopoderoso ao que diagnostican alzheimer e contempla como todo aquilo que soergueu lenta e dolorosamente durante tantos anos se ve agora ameazado de desaparición. A súa reacción será enérxica, as consecuencias inevitables e a brasa da memoria terminará por alagar esta narración, que tivo como xermolo a mesma “idea orixinal” coa que Rivas colaborou no guión da serie televisiva homónima.

Pecha o volume “Sagrado Mar”, relato carcerario onde o preso Nel, lector empedernido, desafía as leis non escritas da prisión enfrontándose ao Patrón, un convicto que goberna as celas impondo un réxime de terror e violencia extremos. A súa actitude non só é unha afirmación das escollas propias e unha defensa dos valores da beleza, a escrita e os soños que esta garda para o corazón, senón tamén un clamor ante as inxustizas e un poderoso canto a prol da liberdade.

Tensados co lirismo adoito en Rivas, os relatos de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste figuran tradeados de fulgurantes imaxes, sentenzas faiscantes e metáforas evocadoras que nos brindan unha prosa dúctil, engastada en estruturas narrativas de engrenaxe perfecta e impecable resolución, unha escrita nas que importa tanto o que se suxire coma o que se di, esa sutil inconcreción que canta no oído do lector para que este recoñeza a melodía, a canción melancólica das almas furtivas.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES