Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourense inédito

miércoles, 10 de julio de 2019
Leo no xornal de nantronte que os turistas e visitantes que se achegan á capital xa gozan da oportunidade de subir ó campanario da catedral e, ademais de ter coñecemento polo miúdo dos avatares ós que a historia foi sometendo paseniño á devandita construcción referencial, tamén teñen oportunidade de contemplar en panorámica o conxunto urbano mergullado en tan singular val que o poeta denominou "Augasquentes".

Leo a crónica e vánseme os pensamentos sobre a auga mansa cara as primeiras informacións que foron editadas cando o cabido catedralicio decidiu reordenar as visitas guiadas ó conxunto monumental e, como sempre acontece nestes casos, xurdiron as primeiras protestas dende dentro e dende fóra -é dicir, de veciños e visitantes- por entender que por unha visita a un conxunto patrimonial como é a catedral non se debería cobrar.

Leo isto e comprobo como unha vez máis o tempo coa súa realidade encárgase de colocar ós agoireiros do mal no seu lugar. E encárgase de facelo, con boa lóxica e sen estridencias, porque o que funciona en calquera outro lugar do mundo, como calquera pode entender a non ser que sexa completamente obtuso, en Ourense tamén ten que funcionar.

E funciona porque ó ser humano, como ser curioso que por principios é -e o turista, en canto no se demostre o contrario, por ser humano se ten-, encántanos descubrir aquilo que é inédito ou inexplorado. A historia está ateigada de fitos, dende o salto do "Antecessor" de África cara Europa, ata ó descubrimento de América, a chegada do home á lúa e mesmo o proxecto marciano no que andan a traballar.

De aí que, amosar o que non se pode ver a diario cando un acode ó edificio para asistir ó culto cotián ou a calquera outro cerimonial neste ou en calquera outro edificio, está sendo un dos principais recursos que ten axudado a incrementar o atractivo do turismo cultural. Que lle lo pregunten, senón a toda esa camada de xente dos cinco continentes que acaban facendo cola no curuto do Everest para sacar a foto no punto máis alto da Terra ou a aqueloutros que van á caza do uranio ou do plutonio no cemiterio nuclear de Chernobyl.

Coñecer o inédito é un motivo por el mesmo. Non fai falla que sexa un elemento artístico de grande valor patrimonial. Con que sexa inédito, abonda para que se encha de curiosos que o queren ver de preto, e canto máis preto mellor.

Pois ben, non é difícil concluír en que existe un Ourense inédito. Mellor dito, existen un feixe de Ourenses inéditos, segundo a temática que nos propoñamos promocionar. Probablemente cada quen teñamos o noso. Mágoa que non haxa aínda -que eu saiba- quen o saiba comercializar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES