Matilda e familia
Requeixo, Armando - martes, 09 de julio de 2019
Se polo menos tivesen lido algo de Dickens ou de Kipling saberían que a vida era algo máis que enganar a xente e ver a televisión.
Quen así opinaba era Matilda, a celebérrima protagonista da novela homónima de Roald Dahl, unha obra que estes días verá cumpridos os trinta anos da súa aparición.
Matilda ficou xa para a Historia da Literatura como un arquetipo, un modelo que traspasa as xeracións e no que millóns e millóns de nenas e nenos aprenden o exemplo da intelixencia e a bondade dunha pequena extraordinaria, que se resiste ao triste destino que lle tocou vivir e loita con todas as súas forzas para restituír a felicidade dos que ten ao se redor e ser ela tamén feliz.
Logo de tres décadas de abondosas reedicións, traducións, adaptacións cinematográficas, radiofónicas, musicais e moito máis pode afirmarse sen errar que Matilda ten pasado ao olimpo dos personaxes literarios infantís. Mais non esta soa nesa morada de pequenas deusas e deuses, ten por compaña moitos outros personaxes inmorredoiros que xa forman parte do imaxinario infantil universal.
É imposible resumir nunhas poucas liñas a nómina de iconas infantoxuvenís que exerceron e seguen a exercer como paradigmas para a mocidade de todo tempo e lugar. Secasí, se houbese que escolmar algúns nomes desa escolleita listaxe de simbólicos personaxes con certeza haberían de estar nela algúns do mestre Dickens que adoraba a propia Matilda e, tamén si, o seu creador. Velaí os están, poño por caso, Oliver Twist, un dos primeiros nenos en protagonizar unha novela en lingua inglesa, exemplo de honradez e inocencia malia as innúmeras dificultades que padece pola súa extrema pobreza. Ou esoutro rapaciño heroico, supervivente de toda canta calamidade exista baixo as estrelas, o tamén dickensiano David Copperfield.
Os irmáns estadounidenses de Twist e Copperfield son as marabillosas creaturas de Mark Twain, moi especialmente Tom Sawyer e Huckleberry Finn, paradigma da ledicia de vivir, da cerna lúdica que aniña no corazón de todo neno e que se resiste a esmorecer diante das absurdas prohibicións e penosos deberes da vida dos adultos.
É ese anódino e ultrarregulamentado mundo dos adultos o que empurra a se liberar de tanto grisallo á Alicia de Lewis Carroll e esvarar pola coelleira para ir dar a un universo moito máis esperanzado e luminoso. E outro tanto lle acontece á mociña Dorothy no país de Oz, quen acompañada do espantallo Hunk, do home de folla de lata Hickory e do pusilánime león Zeke vai á procura de aquilo que lles falta e que só no seu interior poden atopar, ensinándonos que é na nosa vontade e capacidade de superación onde reside o auténtico destino do ser humano.
Os exemplos poderían multiplicarse por toda parte e, así, conviría traer aquí o Struwwelpeter xermano, Pedro Guedellas que debe aprender a obrar rectamente para ser benquerido por todos; o Bastian que en A historia interminable debe salvar un dos máis preciosos dons que temos: a imaxinación, a fantasía, a capacidade de soñar; a Heidi na que toda a bondade e inocencia cobran vida; a virtude admirable que anima a Fauntleroy, o pequeno lord; ou a marabillosa excentricidade que nos fai sentirnos vivos con Pippi Längstrump, entre nós a adorable e roxa Pippi Mediaslongas.
Non podía rematar esta panorámica sen amentar dúas iconas de inmarcescible xuventude: O Principiño de Antoine de Saint-Exupèry e o Peter Pan de J. M. Barrie. ¿Canto non levamos aprendido da delicadeza luminosa e a sensibilidade epifánica do Pequeno Príncipe que veu do Asteroide B-612 para ensinarnos o valor da rosa e como o esencial só se ve cos ollos do corazón? ¿E quen non ten fantasiado con voar con Peter, Wendy e Campaíña, vencer o malvado Capitán Hook e ser cativo eternamente no País de Nunca Xamais?
Estes pequenos grandes seres literarios cambiaron o mundo porque para moitos de nós xa nada foi igual desde que os coñecemos. Tamén resulta así con Matilda, que agora alcanza as tres décadas de vida e que segue a lembrarnos que, cando un le un grande autor, a forma como conta as cousas fai que te sintas como se estiveses observando todo o que pasa
Un bo escritor sempre te fai sentir dese xeito
E non te preocupes polo que non entendas. Cómpre deixar que te envolvan as palabras, como a música.
O neno galego
Se existe un neno literario galego por antonomasia ese é, a non dubidalo, o Balbino das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, un rapaz de aldea, raíz e orixe de todo un mundo inequivocamente noso, que traballa arreo nos eidos e aprende a dureza da vida e as inxustizas sociais, pero tamén o que esta ten de fermoso no primeiro amor, na amizade con Lelo e no que aprende da súa mestra dona Eladia.
A enorme popularidade das Memorias fixo que se traducisen a ducias de linguas e que sexan un auténtico long seller das nosas letras. O segredo poida que estea na doada identificación co seu protagonista, pois todos os galegos somos, por vivencia ou por herdanza, un pouco Balbino.

Requeixo, Armando