Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura

jueves, 11 de julio de 2019
Co fondo da mesa redonda mantida dentro das actividades da feira do libro de Ribadeo, ‘Letras no Campo’, edición de 2019, deixo algunha reflexión propia misturada con a experiencia de edición da AVV O Tesón (Ribadeo no tempo, a través das imaxes -outro Ribadeo foi posible-, Sobre os castros de Ribadeo, Ría de Ribadeo -cartas-, In memoriam: José María Rodríguez Díaz):

Dende a asociación, sempre consideramos a cultura como unha faceta importante para guiar o desenvolvemento de actividades, inseparable de calquera outra a realizar para atopar e dar a coñecer a historia e o ser de Ribadeo. Dinamizar socialmente ten tamén unha dimensión de dinamismo cultural; sen ela, o proxecto esgótase.

Dentro do activismo cultural da nosa sociedade, a edición de libros tivo un lugar importante ata o momento. Mais, en calquera caso, todas as edicións foron deficitarias: tratouse sempre de aproveitar os cartos para levar adiante unha actividade na que críamos, cunha distribución mixta, a socios e librerías, procurando así non deixar cerrada a actividade ós socios, senón abríndoa a toda a sociedade. Algo que non evitou o déficit económico.

Na actualidade, o ISBN, necesario para defender a publicación cobrando, xa ten un custe derivado de ter pasado a unha entidade privada a súa xestión. Un custo non só económico directo, senón de estruturación das asociacións como empresas, complicándolles a vida e empurrándoas cara á perda do seu sentido asociativo, á ilegalidade ou á inactividade.

O anterior é só unha faceta da mercantilización da cultura, na que as asociacións moitas veces non sabemos movernos, pode que sinxelamente porque sexamos reacias a movernos nun sistema que vemos perxudicial para o noso propio sentido de ser.

Tamén significa un choque redundante, cultural, no que as verbas substitúen o seu significado ou aparecen novos fenómenos que nomear, e o apelido ‘cultural’ sinxelamente, perde o seu sentido. Por exemplo, as asociacións de veciños como a nosa teñen que convivir en maior ou menor grao coa xentrificación. O seu significado ven sendo primar as cousas con cartos para a súa conversión en máis cartos, e iso, de diversos xeitos, implica que a xente pase a ser secundaria, substituíble, que se poda largar fóra. Parar isa tendencia pasa entre outras cousas, por recuperar o termo humanizar, secuestrado para significar inversión no espazo urbano que pode facer máis agradable ese espazo ‘á humanidade’. Agora ben, os veciños inmediatos do lugar son ‘a humanidade’ á que debera aproveitar en primeiro lugar, e cando se pon en xenérico ‘a humanidade’, non é así, e vense desprazados, como ocorre en numerosos lugares. Logo ‘humanizar’ ten que ser outra cousa...

En fin, reflexións deslavazadas que poden -deben?- continuarse sobre un asociacionismo que en xeral non está nos mellores momentos, copado por xente xa maior e con déficit de xente nova e de esperanzas no futuro. Si hai asociacións, cada vez máis, deportivas, ou adicadas a unha actividade concreta, aínda que moitas sexan só un grupo de amigos unidos por unha certa costume que as mantén un tempo ata que comezan a decaír no seu ciclo vital. E hai asociacións culturais que están pasando por bós momentos. Mais, en xeral, os problemas, os atrancos institucionais e a inacción superpóñense, necesitando un cambio de modelo. Para cal, sen perder o seu obxecto e o seu esprito?
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES