Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 10 de julio de 2019
Cando non hai ideas

Non consigo facer nada. Penso en como espallar unhas ideas por un papel en branco, pero o problema está en que non teño ideas. Non as podo ciscallar. Nin tan sequera as podo amorear. Porque non se debuxan nun recanto da miña conciencia, do meu raciocinio. E cando non hai ideas, o tempo pasa tan lento que non pasa e incluso o papel perde a tonalidade da súa cor e, pouco a pouco, amarelece. Por falta de uso. Cando non hai ideas a nugalla acomódase entre as vísceras do pensamento. Custa xa Pingas de Orballoentón unha barbaridade pensar. E non vale escoitar a Miles Davis ou Chet Baker, que o único que fan é que me extasie, que me arroube ante a súa música e deixe de pensar en algo que contar. Cando non hai ideas a calor faime suar máis e máis. Ó mellor é a angustia ó saber que me sinto impotente por encher unhas liñas ou uns parágrafos para completar algo, non sei, un escrito, un relato, algo que teña sentido. Non pode haber sentido en algo que non existe, que non está aí, que non hai. Cando non hai ideas case é mellor quedar quieto e en silencio antes de esbardallar contra o sentido ou o sen sentido de algo. De algo que me prema o peito. Pero este tan só desexa os golpes dun corazón que latexe. Non latexa, non suspira, non vive. Non hai ideas para esparexer, para propagar un sentimento. Quedo entón en silencio.

Desesperación

Desespero porque espero o que non vén, o que non chega. Desespero porque unha nube negra está a volverse branca. E quero que chova para que limpe os pesadelos que bailan entre as catro estrofas dun soneto. Desespero porque ninguén lle fai caso ó asubío dun merlo e ó voo dun vencello. Quero asubiar desde o Outeiro Miau para que me oian os de Nocelo. E quero berrar desde o alto da Lomba para que saiban os que andan no Guichón que son eu o que clamo polo ruxerruxe dun pensamento ou polo barullo dun entendemento. Desespero porque todo pasa e nada queda. Tan só os recordos que aniñan na memoria dun tempo que xa foi, dun tempo que non volverá. Sempre hai que mirar para adiante, se non queremos tropezar. E aínda así... Desespero polo jazz que non soa cando quero, e deixo que unha pobre música pop me perturbe ou me altere os nervios. É o paso do tempo. Dese tempo que, ó non pasar, desespera. Dese tempo que, cando o ansiamos, acelera. Semella que non entendemos nada do que nos arrodea. Desespero porque a alma mater dun latexo está nese sentimento que vai e vén polo citado soneto. Xa sei que hai versos que doen e poemas que te levan por entre a estrutura dun ceo inmenso, dun ceo único e ben feito. Desespero porque dentro de nada teño que marchar para o inferno.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES