Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Whatsapp

lunes, 08 de julio de 2019
Que é un WhatsApp? Tecnicamente é un servizo de mensaxería instantánea de pagamento para dispositivos móbiles mediante internet que permite a creación de grupos e o envío de texto, imaxe, son e vídeo. Mais fóra de definicións técnicas está claro que na actualidade é o medio de comunicación máis importante de occidente, sobre todo entre a mocidade.

Pero, para que serve un WhatsApp? Dende logo que aquí hai tantas respostas como situacións e persoas. Pode ser simplemente “Retrásome 5 min” ou bastante máis gratos como “Sacaches un 8 no exame, parabéns!”, “Feliz aniversario!!!”. Poden ser unha cadea: “O PP rouba, PÁSAO!”, os típicos que se reenvían no Nadal, e como non, os de amor coma os do comezo.

Pero este non é un estudo científico sobre a comunicación humana, senón simplemente unhas breves reflexións persoais sobre os servizos de mensaxería instantánea. A historia, vaia, de alguén que está moi ligado á mensaxe do comezo.

Todo ía moi ben na miña vida ata que chegou unha compañeira á Oficina Técnica na que traballo facendo proxectos de enerxías renovábeis. O negocio veu tan a menos nos últimos anos pola crise económica e os recortes de axudas públicas ao sector, que os meus xefes decidiron despedir a tres compañeiros con bastante antigüidade para substituílos por unha nova titulada, sen experiencia, co fin de abaratar custos. Comezaría de bolseira por tres meses e se ao final do período demostraba competencias para o mesmo contrataríase indefinida.

Cando digo que a miña vida ía ben, significa que teño unha vida sen sobresaltos, un traballo que me gusta, unha hipoteca a longo, demasiado longo prazo, e unha relación que comezou cando tiña 25 anos e vai xa para nove. Vivimos xuntos dende hai dous anos e aínda que non estamos casados non entendo porque todo o mundo supón que o faremos o vindeiro ano.

Non sei por que motivo o home tende a complicarse a vida innecesariamente. Cando semella que está todo controlado, o destino fai que se desate algún cabo para darlle emoción.

O caso é que a nova compañeira traballou moi duro dende o comezo e ao cabo dos tres meses de bolsa xa tiña os coñecementos necesarios para facer proxectos, polo que a empresa, baixo a miña recomendación, fíxolle un contrato indefinido.

Ela, que acababa de pórlle fin a unha relación sentimental, tomou o traballo coma un desafío, e tres meses traballando cóbado con cóbado foron suficientes para que me fixara naquela rapaza morena, de pelo crecho e non moi alta, á que lle levaba doce anos.

A nova compañeira supuxo aire fresco a unha vida envolta na monotonía, un rexurdir, unha volta atrás aos anos mozos e por suposto supuxo moitas dúbidas que me atemorizaban cando algún descoñecido falaba de voda.

Que facer? Romper con todo o que foi a miña vida nestes últimos nove anos e volver a comezar, ou continuar no barco e deixar que se afunda por si só? Complexo, non si?

A nova compañeira e eu comezamos a mocear. Ela, xa sen a presión dos primeiros tres meses, amosábase natural, espontánea, cariñosa, e eu xa se sabe, deixeime levar...

O caso é que me erguín cedo aquel sábado para dar un paseo pola fresca e Whatsappdesentumecer o corpo. Cruceime cun compañeiro do instituto para volver case vinte anos atrás cando notei un zunido no meu peto.

Continuei camiñando e debeu pasar media hora ata que me dei conta de que recibira aquela mensaxe.

Sara e eu, aínda que levabamos un tempo moceando aínda non deramos un paso adiante. Había polo medio moi grandes problemas e aínda que a idade é un inconveniente, todos xiraban en torno a Cristina, a miña parella.

Cando eu saín camiñar ela quedaba durmindo. Erguinme silandeiro para non molestala e vestinme no comedor, sabedor como era do que lle gustaba durmir as fins de semana.

Recoñezo que ao comezo amoloume lela mensaxe. É normal, era tan clara como sorprendente. Senteime un anaco no seguinte banco do Paseo do Rato a reflexionar, e cada vez que a lía sentía como me quitaban unha lastra. Porque non, realmente non era unha mala nova!

Cristina comezou a ir ao ximnasio hai medio ano. Ía máis que nada a nadar e a facer aeróbic. Tiñan un grupo moi bo e despois da clase ían todos tomar algo co monitor á cafetaría de enfronte. Precisamente onte tiveron unha cea todos xuntos e saíron a tomar unhas copas ata as catro.

Pero esa mensaxe cambiábao todo. Era a destrución total dos cimentos que forxara para o meu futuro máis próximo, e aínda que algo nervioso notábame sumamente feliz.

Déralle moitas voltas á cabeza sobre como dicirlle a Cristina que non estaba namorado dela, que todo o que nos rodeaba era unha farsa. Tíñalle moito aprecio e tiña medo a magoala, pero non podía atarme a ela con tan grandes dúbidas arredor da miña cabeza. E ese WhatsApp dérame as chaves para poder facelo.

Como non me din conta antes do que estaba pasando entre Cristina e André? Parecía todo tan claro despois daquela mensaxe que me quedou cara de parvo. Un parvo contento, si, pero parvo. De feito teño pensado ir de vítima total na ruptura para amolala!

NOTAS DO AUTOR
1. Este pequeno relato foi rematado o 6 de agosto de 2007 nunha pequena estancia en Hastings (Inglaterra). É evidente que o título da historia non era WhatsApp, senón que era “sms”. Por desgraza naquela historia, Sara, a bolseira, fora contratada porque a empresa tiña moito traballo no sector das enerxías renovábeis. Daquela aínda non comezara a crise e o contexto era ben distinto.
2. Cando refixen o relato (en febreiro de 2014) estiven a piques de engadir este final:
“Mais como dixen antes cando o destino desata un cabo non queda tranquilo sen desatar algún máis. Despois dun sábado no que a miña vida deu un xiro de 180º, veu un domingo no que o temor se apoderou de min coa chegada doutro WhatsApp. Era do meu xefe e dicía: “Mañá a primeira hora quérote no meu despacho. Temos que falar.” Desconcertante porque a miña relación co xefe era tan fría como respectuosa fóra do ámbito de horario laboral. Nunca me chamara nunha fin de semana para nada e tendo en conta o pouco traballo que entrara nos últimos tempos na empresa, o WhatsApp non presaxiaba nada bo.
Efectivamente a fin de semana que auguraba un amencer na miña vida supuxo un solpor. O xefe comunicoume que prescindía dos meus servizos pero non dos de Sara. Estaba claro que me utilizou soamente para formar a unha nova traballadora e despedirme como fixo antes cos meus compañeiros. Unha persoa á que non lle tiña que pagar antigüidade e que tiña un salario máis baixo ca nós. Mais a desgraza non rematou aí. A miña relación con Sara arrefeceu tanto que xa comezo a crer aos meus excompañeiros cando me avisaban que Sara estaba leada co xefe! En fin, unha desgraza rotunda!”
Finalmente, e pese á dobre traizón do protagonista e de Cristina, preferín deixar o final orixinal. Nun tempo como no que estamos onde as historias da maior parte da cidadanía teñen un final pouco feliz, preferín que estes dous personaxes refixesen a súa vida co mellor dos éxitos posíbeis. É unha magoa que as historias con final feliz se restrinxan única e exclusivamente na actualidade aos contos infantís!

FICHA TÉCNICA
Idioma: galego.
Xénero: narrativo (relato).
Público:adulto.
Ano creación: 2007/2014.
Publicación:inédito.
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES