Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O asilo de Foz: Vodas de Platino (I)

jueves, 10 de enero de 2008
O día 26-12-1924 finaba na nosa vila don Eliseo Martínez Pillado, dono dunha gran fortuna, da que deixaba como herdeira universal, con tódolos poderes, á súa muller dona Pilar Otero Pillado, se ben expresara o seu desexo de que a mesma revertera no noso pobo fundamentalmente a través de dúas institucións: un colexio para a educación e formación de nenos pobres, pertencentes ó municipio, e un Asilo para acoller ós Ancianos Desamparados.

O periódico La Voz de Mondoñedo publica o día 10 de xaneiro de 1925 un comentario do seu correspondente, don Ramón Salgado Toimil, no que extracta as liñas fundamentais do que sería o testamento do matrimonio, e propón que o escultor Asorey perpetúe a imaxe do mesmo “y así a la gratitud del pueblo juntaríase la artística ofrenda de las divinas manos del más genial y estupendo de los artistas de la raza. Para honra de Foz y glorificación del gran filántropo”. “El pueblo de Foz está obligado a rendir este homenaje a la memoria de su generoso benefactor, que la gratitud de los pueblos es la virtud que los hace dignos de tan grandes protectores. Creemos que es al Concejo a quien, por obligación y por derecho, corresponde recoger nuestra iniciativa”.

O día 19 de xuño de 1934, a corporación Municipal, presidida polo alcalde Cándido Eijo, acordaba nomear Fillos Predilectos ó matrimonio “que legaron o seu importante patrimonio para a construcción e sostemento nesta vila dun Asilo de Anciáns e un colexio graduado para os nenos, autorizando ó alcalde para que de forma adecuada perpetúe en lápidas ou bustos, e no asilo e salón de sesións tan merecido título”.

Dona Pilar, no seu testamento definitivo, redactado o 12-3-1925, respecta fielmente a vontade do marido deixando íntegro o seu patrimonio para ditos fins, excepción feita duns pequenos legados e designa e nomea ós albaceas testamentarios encargados de levalo a cabo: o colexio era a obra preferida do marido e o Asilo a da sua dona. Finou ésta o 15 de marzo de 1925.

Transcurridos catro anos dende a súa morte, a viuva e a filla dun irmán seu promoven litixio contra a validez de dito testamento alegando ó efecto que dona Pilar mantivo por un tempo perturbadas as súas facultades mentais, baseándose nun certificado que en tal sentido expedira o ilustre médico compostelano don Miguel Gil Casares, científico de grande prestixio, no que aseguraba que, efecto dun proceso crónico arteroesclerótico, produciralle a incapacidade mental..

O médico de cabeceira, don Eladio Candia Río, así como o doutor don Manuel Reimunde Basanta, mais outro testigo, e o Notario de Ferreira, don Melchor Egerique (“veo que la compareciente se encuentra en plena lucidez intelectual”, di ó inicio do documento notarial), rebaten o informe do ilustre galeno.

O proceso, que sería longo (toda unha guerra civil por medio), iniciaríase o 16 de abril de 1929, con un acto de conciliación no xulgado da nosa vila, “con inusitada concurrencia”, según papeis da época, presentada a instancia polo abogado de Madrid señor Arteaga Contreras. O mesmo rematou sen avenencia,
O pleito chegaría ó Tribunal Supremo que dictaría sentencia con data 25 de marzo de 1940, FALLAMOS: “que debemos declarar y declaramos no haber lugar a los recursos de casación por infracción de ley interpuestos por doña Carmen Rovira Estadas y don Faustino Alonso Alvarez y doña Angeles Otero Rovira, a los que condenamos…”
Había case que dez anos que a construcción do Asilo rematara e sete que entrara en servicio. Foi o 16 de xullo de 1933, hai setenta e cinco anos.

Foz mantén co matrimonio Martinez Otero a débeda histórica da homenaxe que un pobo conscente e agradecido debe de ter con quen foron tan excelsos benefactores, e propugnamos que se celebren todo o dignamente que sexa dado estas Vodas de Platino do Asilo e que, ó fin, poidamos amosar ós nosos visitantes a efixie de quen foron os grandes filántropos da historia do noso pobo.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES