Non sei que busco
Busco de aquí e atopo por alá. A vida non nos leva sempre por regos dereitos. De cando en vez un latexo non soa e collemos medo. Busco a Duke Ellington e asoma nos meus arquivos Coleman Hawkins. É igual; os dous xuntos soan divinamente. Busco andoriñas voando por entre as rúas de Baños de Molgas e, non obstante, sinto as rulas aniñando nas silveiras das Lagoas. Non todo ten que saír coma embude a boca de xerro, é dicir, a pedir de boca. Ás veces ata é bo que un río non vaia desembocar ó mar.

Algúns ríos desembocan noutros ríos. Algúns verbos non conxugan como nos gustaría que o fixeran. A vida é torta. A vida é bonita. A vida é o ruído onde hai silencio, así como é o silencio onde hai barullo. Tamén é moi diferente a voz de Leonard Cohen se a comparamos coa música de Luar na Lubre. Busco de aquí e atopo por alá. O problema está en que non sei que busco e de aí que acumule obxectos na carretilla que empurro pola rúa da Igrexa arriba. Empeza a pesar. Pero tamén pesan os desexos que nunca se cumpren. Ou os pensamentos que non se berran. Deberiamos de berrar desde o alto da Chaira para que as andoriñas e as ruliñas emprenderan o voo cara ó infinito e máis alá. Pero quedo en silencio para que Amaral cargue o universo sobre min. Deixo de buscar e sento coma un heroe nun penedo de Barricobos. En silencio.
Non é igual
A ver, non é igual. Non é o mesmo arre que só, nin boi que vaca. Non é o mesmo que un conto se conte polo final nin que un libro se inicie pola contraportada. E xa sei

que os pensamentos os esbardallo ou os esparexo polo universo infinito e por entre as catro paredes dunha habitación. Dunha habitación pechada. Se ten a porta aberta, seguro que por aí foxen para o limbo da incomprensión, ou da impotencia, ou do outro lado do río. Porque agora mesmo estou deste lado. E non é o mesmo estar na Porfía que no Río de Vide, estar na Valenzá que na Finca Fierro, estar nas Veigas que nos Poulos. Non é igual, non. Non é igual estar debaixo da luz da lúa vella que baixo a canícula dun sol mandón. Tampouco quero divagar aquí entre o ser ou non ser da cuestión. Total, os desexos son infinitos, inmensos, inmaculados, eternos e cheos dunha tranquilidade que, si, máis segura que será efémera. Porque os nervios, as ansias tamén van e veñen polo espazo pechado dunha habitación ás escuras ou polo espazo aberto dunha aira na que os palleiros e canastros son testemuñas de soños que, ó mesmo tempo, se plasmaron nuns versos rimando entre si... ou non. A ver, non é igual estar namorado ou angustiado porque non entendes o chiscar do ollo ou o asubío dos beizos. Non é igual pensar que podes voar que acabar aterrando sobre un penedo.