Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cruceiros e cruces do Concello de Becerreá, Lugo (3)

jueves, 04 de julio de 2019
2. Armesto, San Román
A. Cruz Misional

Coordenadas U.T.M.: X=647.713 Y= 4.743.437
Na década dos 50, do século pasado, o cardenal Darriba Castro ligado coa parroquia de Penamaior, veu celebrar unha misión a esta comunidade parroquial. No interior do pórtico da igrexa hai unha cruz, pegada ao muro lateral dereito. Trátase dunha cruz de madeira, de estrutura latina, que remata nos extremos dos seus brazos nunha superposición de dúas estruturas: a inferior, troncopiramidal; e a superior, troncopiramidal invertida.

3. Cereixal, San Xosé
B. Cruz da Igrexa

Coordenadas U.T.M.: X= 648.965 Y=4.748.394.
No cume da igrexa, érguese sobre unha base de forma esférica unha cruz latina, que amosa unha sección circular na intersección de ámbolos dous brazos; así mesmo os extremos do brazo transversal e o extremo superior do brazo lonxitudinal rematan nunha forma de cruz aguzada.

4. Cruzul, San Martiño de.
A. Cruz Misional.

Coordenadas U.T.M.: X= 651. 527 Y=4.745. 434.
Trátase dunha cruz misional de madeira, de estrutura latina, e de sección cuadrangular -agás nos extremos- que se encontra no interior da igrexa parroquial, pegada ao muro lateral dereito. Os extremos de ambos os dous brazos están formados en cadanseu lado por unha molduración cóncava -caveto- sobre a que se superpoñen dúas pequenas molduracións convexas, rematando nun pequeno arco apuntado. Así mesmo os ángulos existentes na intersección de ambos os dous brazos, amosan unha ornamentación xeométrica, estrelada, que remata en formas puntiagudas. Amosa moitas semellanzas coa cruz misional de Agüeira, sendo ámbas as dúas do mesmo construtor.

En canto as inscricións tanto do brazo lonxitudinal como do transversal están referidas ao símbolo de Cristo; a data na que se realizou a misión; e, tamén, á orde relixiosa, que celebrou a misión. Así na parte superior do brazo lonxitudinal aparece a inscrición -INRI-. Ao longo do brazo transversal maniféstase a inscrición SANTA no brazo dereito; e MISIÓN no brazo esquerdo; ámbas as dúas dun xeito horizontal.
Na parte media do brazo lonxitudinal maniféstase a inscrición REDENTORISTAS, dun xeito ovalado. Na parte inferior do brazo lonxitudinal amósase a inscrición 11-V/ 1943 / dun xeito horizontal e superposto.

Con respecto aos elementos decorativos dos que vai provista distinguimos nos seus brazos os seguintes instrumentos da paixón: no remate do brazo transversal dereito, unhas tenaces; no remate do brazo transversal esquerdo, un martelo; na intersección dos brazos lonxitudinal e transversal, unha coroa de espiñas -de cor verde- cun corazón vermello no seu interior, que leva un pequeno símbolo cruciforme por riba; na parte superior do brazo lonxitudinal, tres cravos; na parte media do brazo lonxitudinal, unha hostia cunha cruz vermella no seu interior e un cáliz por baixo da hostia; o cáliz está máis separado da hostia que na cruz misional de Agüeira.

5. Fontarón, Sancti Spiritus
A. Cruz de Fontarón

Coordenadas U.T.M.: X=651.185 Y= 4.755.189
Dende hai uns cinco anos, preto da igrexa parroquial hai unha cruz de cemento, que sustituiu a unha de madeira, xa empodrecida. Está situada na marxe dereita da estrada local (“o antigo camiño da misa”), que conduce á igrexa parroquial e a algúns lugares da comunidade parroquial.

A nivel artístico, é unha cruz latina apoiada nunha base de cantería de forma paralelepípeda. Ten pequenas acanaladuras cruciformes námbolos dous brazos. Está protexida por unha cadea engarzada a catro aparellos de ferro, cravados verticalmente no chan.

O día da festividade da Virxe do Carme, que nesta comunidade celébrase o domingo máis próximo ao 16 de Xullo, o párroco oficia unha misa e posteriormente celébrase unha procesión na que catro fregueses da comunidade portan nas andas a imaxe mariana coa que dan a volta en torno á cruz. Antano, o párroco anterior ao actual (Constantino) celebraba a procesión, houbese festa ou non; nela, saía a advocación mariana acompañada doutras dúas imaxes sacras da parroquia. Na actualidade, só hai procesión se hai festa profana.

B. Cruz de Aquilino
Está situada entre Lago e Fontarón. Trátase dunha cruz de madeira, de estrutura latina, que se colocou debido á morte violenta de Aquilino a mans duns ladróns.

6. Guilfrei, Santa Baia
A. Cruz do Castro

Tratábase dunha cruz de madeira, de estrutura latina, de relevantes proporcións. Na actualidade desapareceu.

7. Ousón, San Adrián de
A. Cruz Misional

Coordenadas U.T.M.: X= 651.770 Y=4.744.098.
Trátase dunha cruz misional de madeira, de estrutura latina, e de sección cuadrangular, -agás nos extremos- que se encontra no interior da igrexa parroquial, adosada ao muro lateral dereito. Os extremos de ámbolos dous brazos están formados en cadanseu lado por unha moldura cóncava -caveto- sobre a que se superpoñen dúas pequenas molduras convexas, rematando nun pequeno arco apuntado. Así mesmo os ángulos existentes na intersección de ámbolos dous brazos, amosan unha ornamentación xeométrica, estrelada, que remata en formas puntiagudas. Amosa moitas semellanzas coa cruz misional de Agüeira, sendo ámbas as dúas do mesmo construtor.

En canto as inscricións tanto do brazo lonxitudinal como do transversal están referidas ao símbolo de Cristo; a data na que se realizou a misión; e, tamén, á orde relixiosa, que celebrou a misión. Así na parte superior do brazo lonxitudinal aparece a inscrición -INRI-. Ao longo do brazo transversal maniféstase a inscrición SANTA no brazo dereito; e MISION no brazo esquerdo ; ámbas as dúas dun xeito horizontal.
Na parte media do brazo lonxitudinal maniféstase a inscrición REDENTORISTAS, dun xeito ovalado. Na parte inferior do brazo lonxitudinal amósase a inscrición 11-V/ 1943 / dun xeito horizontal e superposto.

Con respecto aos elementos decorativos dos que vai provista distinguimos nos seus brazos os seguintes instrumentos da paixón: no remate do brazo transversal dereito, unhas tenaces; no remate do brazo transversal esquerdo, un martelo; na intersección dos brazos lonxitudinal e transversal, unha coroa de espiñas -de cor verde- cun corazón vermello no seu interior, que leva un pequeno símbolo cruciforme por riba; na parte superior do brazo lonxitudinal, tres cravos; na parte media do brazo lonxitudinal, unha hostia cunha cruz vermella no seu interior e un cáliz por baixo da hostia; o cáliz está máis separado da hostia que na cruz misional de Agueira.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania