Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O pan da Ramonita

miércoles, 03 de julio de 2019
Acabo de ver na prensa a presentación dunha nova edición -a 28, seica- da Festa de exaltación do pan de Cea e pola vía dos pensamentos encadeados deválame a idea cara a miña veciña Ramonita, quen, xunto co seu irmau Juan e o seu sobriño Jose, forman parte dunha torgueira de panadeiros da miña vila que, se as contas non me fallan, van xa pola cuarta xeración.

Insiro no titular á Ramonita porque, coma a súa nai Concha denantes, a súa tía Marina e a súa avoa Ramona -de quen obviamente recibiu en bautizo o seu nome de pía-, é, digamos, a cara amable actual do mostrador, substituída ocasionalmente pola súa filla Sonia, que camiña xa por outros vieiros formativos, se ben ainda ten tempo para botar unha man no reparto cando o require a ocasión.

Mento o pan de Cea e lembro o pan de bola da Ramonita -que non ten nada que lle envexar ó de Cea- , así coma o pan de millo que tamén eles fan en rigoroso forno de leña e que dá groria encetar aínda quentiño, logo de ter lido visto e oído durante toda a xornada que, dende hoxe -cando escribo-, día 1 de xullo de 2019, por orde da autoridade lexislativa o pan que é pan pasa a ser pan legalmente.

Velaí o perogrullo que demostra, unha vez máis, o alto grao de tontuna colectiva que temos logrado acadar como sociedade moderna, que para sabermos o que levamos sabendo toda a vida cando acompañamos o moio da carne asada ou do cabrito ó forno cun anaco das bolas de pan artesán do Xube, resulta que gracias a que o lexislaron no hemiciclo da Carreira de San Jerónimo, o referendaron no edificio do Senado e o sancionou a súa Maxestade Real, Felipe VI, agora sabemos que ese saboroso pan de arrecendo fresco é verdadeiramente pan e non un gruño seco de vaca barrosa coma outras moitas pezas envasadas ó baleiro que se venden en estanterías liñais de tantas e tantas grandes e non tan grandes superficies comerciais.

Eu non sei, pero case estou por apostar que calquera día o lexislador, co fin de poder xustificar o seu salario, acabará por redactar unha concienciuda lei, co seu correspondente desenvolvemento, que nos dirá cando debemos considerar que estamos comendo carne de porco e cando a de becerro non é de polo e así sucesivamente ata o xuízo final das carnes chamadas roxas ou avermelladas.

Sinceramente, benquerido lector, vostede precisa dunha lei para saber que un molete de pan de Cea é certamente pan?

Eu pódolle dicir que non, porque sei que cando nas festas de gardar vou onda a Ramonita, ademais de darme os bos días cunha alegría personalizada que me alegra a xornada dominical sen ter que me debruzar perante ningún altar, sei que me está dando o seu mellor pan sen que llo ordene por escrito o Boletín Oficial.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES