Buscando o teto da vaca
Empezan a asomar nos xornais as competencias, distribucións e dedicacións exclusivas dos concellos e Deputacións tras as eleccións. É aquí cando te dás conta de que, agora, é normal que a maioría dos mortais se queiran meter en política. Agora case ou sen case todos os concelleiros dos partidos que gobernan teñen dedicacións exclusivas, é dicir, que cobran. De aí que, cada vez, aparezan ou se crean partidos a esgalla. A ver se lle atopamos o teto á vaca. De aí que, a pesar de todos os medios que

existen hoxe para publicitar o que sexa, sigan indo porta por porta para acadar o voto. Co paso do tempo ata pode ser un bo negocio. É un bo negocio. Demasiado bo negocio. Tamén sigo opinando que a maioría destas dedicacións exclusivas son de escaparate, ou sexa, que cobran por non facer case nada. Levamos unha marcha que non me estrañaría nada que pasados uns anos os que tiveron dedicacións exclusiva se poidan retirar con pensións vitalicias. Polo que, ó final, entre as vitalicias e as exclusivas teremos que buscar máis tetos polos que poidan mamar. Non había moito, nos concellos, cobraba o alcalde, e grazas. Agora, que os concellos van a menos, cobra o alcalde, o tenente alcalde (ou tenentes alcaldes) e varios concelleiros do partido que goberna, claro.
Baixo a canícula
Tempo de esperanza. Esperanza de que? Se agora mesmo ásanse os paxariños. A canícula obriga a buscar unha sombra que non hai. Sombra que me asombras. Aquela Rosalía dicía cada cousa. Sombra que me asombras. A min asómbrame que non teñamos unha insolación. Este paspán quixo ir ás tres e media da tarde a arrastrar uns postes de cemento polas gabias da ex viña. Menos mal que as mulleres cando mandan...

mandan. E menos mal tamén que mandan sempre. Para onde vas, toliño. E non fun. A ver, quen non lle fai caso a unha muller, á propia muller. Despois quedei pensando que ó mellor, ela, ata tiña razón. Que ó mellor podía darme unha insolación na Costa da Gándara. Agora xa non aguanto o sol como o aguantaba. De mozo lía ás tres da tarde pola Pitediña de Baños de Molgas a peito descuberto e tan só cunha viseira na cabeza. Agora (a idade é o carallo) axiña noto un ruxerruxe nas tripas que, ou me bota para atrás ou busco inmediatamente unha sombra. Sombra que me asombras. Non me podo asombrar porque non hai sombra a tantos quilómetros á redonda. É unha esaxeración pero haille que dar señorío a esta canícula que está caendo e ó meu descanso por non ir arrastrar postes. Ó mellor tamén lle fixen axiña caso á muller porque algo de nugalla había no meu corpo.