'Credo' en Alfonso Blanco Torrado
Xiz, Xulio - martes, 02 de julio de 2019
Foi o Manuel María o que che chamou Pregoeiro da luz e da alborada, e certamente cando viñeches para a Terra Chá (ti dirás que é cousa de Deus; pois vale) fíxose a luz, e ti fuches iluminando mentes e vieiros, quitándonos legañas, tirando ou empuxando, ensinando e animando a facer camiño ao andar cando non había camiños polos que deixarse ir.
Parece un contrasentido, e sen embargo ti demóstranos que é o máis natural, que un crego se poña á fronte do máis humano e galego dos festivais de música do país; que un home da terra onde os pinos se queixan veña darnos aos chairegos unha Casa das palabras; que o dono de ollos que se empeñan en non ver nos aprenda a mirar en profundidade e cara ao lonxe, e que quen ten pernas febles nos demostre que é posible camiñar firme, saltar calquera obstáculo e superar maratóns que nunca pensaramos poder culminar.
Coma o Mariscal en Mondoñedo, eu proclamo: Credo, credo, credo! na túa doutrina cultural e chairega, na túa entrega vital, onde nada material tés téndoo todo
onde crentes e non crentes acoden a ti como un oráculo, porque quen entrega a vida por unha crenza, por un país, por unha fe, convírtese nun bendito po Pai, e eso imprime carácter e proporciona unha aureola da que ti non es consciente pero os que te temos preto notamos desde hai moito tempo.
E non insisto aquí na túa santidade, da que xa teño falado, que tamén desto o afectado é o último en enterarse. Pero se cada un sabe o que sabe, non te extrañes de que os teus amigos vellos (e novos) te teñamos nun altar, aínda que non che recemos, porque bastante temos con intentar seguirche os pasos, que nunca conseguiremos porque mentras nós levamos calzas de xente maior, ti segues a usar as botas de sete leguas que os que cremos en ti sabemos que existen, e que só ti coñeces como se usan.
(Participación de Xulio Xiz no caderno colectivo GUIEIROS, en honra do crego e militante cultural da Chaira, Alfonso Blanco Torrado)

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora