Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cruceiros e cruces do Concello de Becerreá, Lugo (2)

lunes, 01 de julio de 2019
PARROQUIAS:
1. AGÜEIRA, SAN XOÁN.
A. CRUCES MISIONAIS.

Coordenadas U.T.M. X= 653.655 Y= 4.744.003

Trátase de dúas cruces misionais de madeira, de estrutura latina, e de sección cuadrangular -agás os seus remates- que se encontran no interior da igrexa parroquial, pegadas ao muro lateral dereito.
Cruceiros e cruces do Concello de Becerreá, Lugo (2)
Seguindo unha orde ascendente, a primeira, que é a máis chamativa polo seu traballo e pola maior cantidade de elementos que leva, foi restaurada no mes de setembro do ano 2016 polo fregués Pedro Doval Río. Os extremos de ámbolos dous brazos están formados en cadanseu lado por unha moldura cóncava -caveto- sobre a que se superpoñen dúas pequenas molduras convexas, rematando nun pequeno arco apuntado. Así mesmo os ángulos existentes na intersección de ambos os dous brazos, amosan unha ornamentación xeométrica, estrelada, que remata en formas puntiagudas. En canto ás inscricións e ornatos tanto do brazo transversal como do lonxitudinal son moi variados, amosándose a orde relixiosa, que celebrou a misión; a data; e, tamén, diversos elementos relacionados coa paixón de Cristo. Así na parte superior do brazo lonxitudinal aparece a inscrición -inri-. Ao longo do brazo transversal maniféstase a inscrición SANTA no brazo dereito; e MISIÓN no brazo esquerdo; ámbas as dúas dun xeito horizontal. Na parte media do brazo lonxitudinal maniféstase a inscrición P.P. Redentoristas, dun xeito ovalado. Na parte inferior do brazo lonxitudinal amósase a inscrición 1 / Octubre / 1940 dunha maneira horizontal e superposta. En canto aos ornatos de que vai provista distinguimos nos seus brazos os seguintes instrumentos da paixón: unhas tenaces, no remate do brazo transversal dereito; un martelo, no remate do brazo transversal esquerdo; unha coroa de espiñas cun corazón no seu interior, que serve de sostén a unha esponxa, que amosa un símbolo cruciforme no medio, na intersección dos brazos lonxitudinal e transversal; tres cravos, na parte superior do brazo lonxitudinal; unha hostia cunha cruz no seu interior e un cáliz por baixo da hostia na parte media do brazo lonxitudinal.

A segunda, tamén de madeira e de estrutura latina, amosa nos extremos de ámbolos dous brazos unha pequena superficie paralelepípeda coas arestas superiores e inferiores rebaixadas, que serve de sostén a unha moldura convexa -bocel-. Ao igual que na primeira cruz os ángulos existentes na intersección de ámbolos dous brazos, amosan unha ornamentación xeométrica, estrelada, que remata en formas puntiagudas. Con respecto ás inscricións, maniféstanse tanto no brazo transversal como no lonxitudinal. Así, o brazo transversal dereito, amosa a inscrición SANTA; o brazo transversal esquerdo, MISIÓN. A parte media do brazo lonxitudinal, mostra a inscrición P.P., dun xeito horizontal, e JESUITAS, dunha maneira vertical. A parte superior do brazo lonxitudinal, manifesta a inscrición INRI; a parte inferior do brazo lonxitudinal, a inscrición referida a data AÑO / 1960, en vertical e superpostos.

B. CRUCEIROS DE HORTA.
1. Cruceiro da praza de Horta.

Coordenadas U.T.M. X= 653.087 Y= 4.744.897
Está situado moi preto da capela do San Bieito, construída no ano 1710 e con culto ata hai uns anos. O cruceiro ten unha orientación Nw-Se. É de propiedade privada, pertencendo a “Casa grande de Horta”. O seu propietario actual é Edmundo Fernández.
Está manifestación artística está composta de cinco corpos: unha plataforma, unha base, un fuste, un capitel e unha cruz.

A plataforma, granítica, é de estrutura troncopiramidal e consta de tres chanzos Cruceiros e cruces do Concello de Becerreá, Lugo (2)superpostos e de diferente extensión.

A base é monolítica e está formada por dous tramos: o inferior, de estrutura cúbica, que mostra nas súas caras acanaladuras cuadrangulares e molduradas -a xeito de cuartos cavetos invertidos-; o superior, de estrutura troncopiramidal.

O fuste, monolítico e prismático, e de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto. A parte superior amosa “un colariño”, que é unha moldura anular existente ás veces entre o fuste e o capitel.

O capitel consta de dous tramos: o inferior, formado por unha moldura cóncava -cuarto caveto- decorada con enfeites vexetais e xeométricos. ; e o superior, formado por un ábaco e un equino.

A cruz, de estrutura latina, amosa unha sección cilíndrica. No anverso e baixo unha cartela, na que se lee a inscrición INRI, amósase unha efixie de Cristo, que presenta os seguintes trazos: con coroa de espiñas; coa cabeza inclinada ao lado esquerdo; cos brazos en forma de V; con longo cabelo; coas costelas resaltadas coas mans pechadas; co perizoma anoado ao lado dereito; coas pernas flexionadas e co pé dereito sobre o esquerdo e ámbos os dous sobre un supedáneo. No reverso, manifestase a Virxe co neno, ao que sostén coa súa man esquerda; leva unha túnica e un manto, no que se aprecian os seus pregos moi resaltados; apóiase nun supedáneo de sección octogonal.

2. Cruceiro do Interior do “Pazo da Horta” (Edmundo Fernández).
Coordenadas U.T.M. X=653.114 Y=4.745.018.

Está situado no interior do “Pazo da Horta”, propiedade de Edmundo Fernández. Tanto este cruceiro como o anterior do mesmo propietario foron construídos a comezos do último terzo do século XX, por un obradoiro cercano a Santiago de Compostela e, situado na estrada Santiago-Noia.

Amosa unha orientación Ne-Sw. Esta expresión artística consta de cinco elementos: unha plataforma, unha base, un fuste, un capitel e unha cruz.

A plataforma, granítica, é de estrutura troncopiramidal e está composta de tres chanzos superpostos e de diferente extensión.

A base é monolítica e está formada por dous tramos: o inferior, de estrutura cúbica, que mostra nas súas caras acanaladuras cuadrangularese molduradas -a xeito de cuartos cavetos invertidos-; o superior, de estrutura troncopiramidal.

O fuste é monolítico, de sección de supeficie cuadangular na parte inferior -equivalente a unha terceira parte do fuste- con acanaladuras cuadrangulares en cada unha das súas caras, que rematan en dúas molduras cóncavas (“escocias”), unidas entre si por unha liña. A parte media e superior é de sección oitavada coas arestas estriadas. O extremos superior do fuste acaba nun “colariño”, moldura anular, que separa o fuste do capitel.

O capitel de estrutura troncopiramidal invertida -con rebaixes nas súas arestas- amosa nos vértices superiores das arestas unhas volutas. En cada unha das caras mostra un rosetón floral, cun motivo diferente no seu interior; así, a cara do anverso, amosa un boi; a súa adxacente pola esquerda, unha aguia; a cara do reverso, un león; e finalmente a súa contigua, un anxo. Polo tanto, trátase dos símbolos dos catro evanxelistas.

Seguindo nunha orde descendente, encontramos en cada cara e por baixo do rosetón floral unha decoración xeométrica triangular invertida con pequenas molduras convexas, que mostra no seu interior enfeites florais.

A cruz, de estrutura latina, amosa acanaladuras en ámbos os dous brazos, que presentan nos seus extremos unha forma de cruz potenzada. No anverso, e baixo unha cartela na que figura INRI, imaxe de Cristo crucificado, que manifesta as seguintes pecualiaridades: cabelos e costelas resaltados; cabeza, casi frontal, mais cunha leve inclinación de cara ao lado dereito; cos brazos en forma de V; coas mans pechadas; co perizoma anoado ao lado esquerdo; coas pernas flexionadas; e co pé dereito sobre o esquerdo e ámbos os dous sobre un supedáneo. No reverso, maniféstase a imaxe da Piedade, que sostén con ámbos os dous brazos a imaxe de Cristo no momento do descendemento da cruz; leva unha túnica e un manto, no que se aprecian os seus pregos moi resaltados; apóiase nunha media lúa. A imaxe da Piedade, lembra as Piedade dos “canteiros Carboeira” de Román (Vilalba), pola forma case oval e alongada que amosa o Cristo no regazo da súa nai.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES