Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 26 de junio de 2019
Ourense no mapa

Agora si que é verdade que Ourense empeza a situarse no mapa. Van saber os de máis alá do Padornelo como as gastamos os ourensáns. Van deixar de falar dunha vez por todas de Abel Caballero para situar no trono ó alcalde da Cidade das Burgas. Ai logo!, xa era hora! Levamos tan só tres días co noso alcaldiño e Ourense, por fin, vai moito máis alá dos esperpentos de Valle-Inclán. Que se poña as pilas o de Vigo, que acaba de chegarlle a competencia.

Agora si que é verdade que Ourense está a ensinarnos o auténtico valor real da política. Por se tiñamos algunha dúbida. Por se tan só intuïamos o cheiro a podre que Pingas de Orballodeixa. Agora apesta de tal maneira que nos vai pasar o mesmo que co fútbol desde os amaños das apostas: confiabas nos profesionais do balón e, zas; confiabas nos profesionais da política cando se subían a un atril e, zas. Nos profesionais de que? É verdade, é un dicir.

Tamén é certo que agora si que é verdade que Ourense será a causante de que botemos unhas risas no bar, na taberna, nas xuntas de veciños, no día a día, a causa dun pacto que se comeu vivo ó mellor esperpento do gran Valle-Inclán. Xa era hora de que os berros de Ourense cruzasen o Padornelo!

A esencia da miña vida

Que desastre! Non sei se non se acabará o mundo. Pasa das catro da tarde e aínda non lin ningún xornal. Síntome baleiro. Síntome impotente. Non son eu. E non me vale que vexa algunha que outra noticia publicada nas redes sociais ou que consulte os periódicos pola Internet. Xeralmente nunca o fago. Porque o meu é o papel. As páxinas teño que pasalas eu. E por cada páxina hai unha orde de lectura, que, ás veces é certo que os ollos se me van para outras columnas ou para outros espazos, pero xeralmente sigo unha orde. Coma en todo nesta vida; hai que seguir unha orde se non queremos andar á deriva. Sigo co xornal. Teño que cheirar o papel. Teño que luxar os dedos coa tinta. E teño que saborear o café. Porque claro, iso si, co periódico ten que asomar na mesa ou na barra do mostrador o cafeciño. O peor é que este vai en tres simples sorbos. Aínda que o sabor, ás veces, alcanza para todo o periódico. Se por un casual non alcanza, tomo outro e xa está; non pasa nada. A min o café éme coma o periódico. Son algo así coma a esencia da miña vida, a esencia que me mantén en pé e con ansias de que chegue o día seguinte... para ler o periódico e tomar un café. Por iso agora mesmo estou adoecido; son as catro e media da tarde e nin xornal nin café. Así é que marcho coma un lóstrego a ler o periódico.

A nube negra

Unha nube negra sobre o ceo molgués semella que está quieta, pero móvese. Como se moven os desexos dunha ansiedade que está pechada na habitación dunha novela barata. Camiño cara á sombra da nube e chego xusto á altura da aira da Maquieira. Claro que axiña teño que trasladarme para acougar na aira do Pombal porque, como dicía, a nube negra móvese. Como se move o raciocinio dunha historia que debería contar, pero que hoxe non me apetece. Non todos os días un deixa que a inspiración se bote ó camiño. A inspiración vén e vai cando o autor finca os cóbados sobre unha mesa; que ela soa non escribe un poema. A condenada da nube negra semella que só lle gusta estar enriba das airas molguesas. Porque xa estou á sombra dela e dun palleiro na aira da Igrexa. Porque a nube negra moveuse unha vez máis. Pingas de OrballoComo se moven as sensacións dunha vida que buliu de aira en aira e por entre os toxos e xestas duns montes eternos. Hai vidas e tempos que si son merecentes de plasmalas sobre uns papeis en branco, con inspiración ou sen ela. Unha nube negra sobre o ceo molgués, que segundo pasa o tempo, esvaece para deixar pasar uns raios de sol que iluminan a toda a vila de Baños de Molgas. Busco entón a sombra dos canastros da aira de Arriba. Alí cerro os ollos e deixo que o tempo pase e o silencio se pouse nos meus pensamentos.

Obxectivo imposible

Acabo de ver e oír o spot de Atresmedia e a Fundación Axa, por medio do seu slogan Ponlle Freo, na que nos aconsellan que lles saquemos fotos ós estados das estradas e a eses sinais que o mato non deixa ver para facer a correspondente denuncia. Boteime a rir ó momento. Incluso a miña muller se deu conta da miña risa, de por onde ían os tiros. Se me dedicase a sacarlle fotos rebentaría o móbil, non tería memoria suficiente para o seu almacenamento. Estou a falar tan só das zonas que coñezo, neste caso, da provincia de Ourense; polo que non quero pensar o que acontecerá en toda España. Queixámonos moitas veces do estado das autovías e autoestradas, como para poñer de exemplo esas vías secundarias e esas pistas que van de aldeas en aldeas. Sinais arrincados. Sinais rotos. Sinais dobrados. E case todos eles cubertos por matogueiras que nin tan sequera che deixan adiviñar o que podería estar escrito nos mesmos. Sobre o estado das estradas sería o conto de nunca acabar. Estradas con fochancas. Estradas con parches. Estradas que se estreitan porque o paisano tivo medo de que lle quitaran todo o capital. Penso que nun simple traxecto de, por exemplo, 20 quilómetros xa se me quedaría o móbil sen espazo para arquivar as fotos. Entendo o chamamento da publicidade. Pero para aquí é un obxectivo imposible.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES