Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

25 'Charetas'

jueves, 27 de junio de 2019
Cando estabamos a saltar a fogueira do San Xoán que interfería nos nosos xogos envolvendonos coas súas faíscas, lembrei unha conversa daqueles días cun rapaz do Colexio Mato Vizoso de Vilalba que me explicara o chamadeiro da revista deste centro: “Charetas”, que significan unhas muxicas e así nesta noite máxica sentinme alumeado por infinidade de charetas que voaban dende o corazón da cacharela, coma chaman na Costa da Morte a este lume do San Xoán, ao tempo que estaba saboreando o último número desta publicación escolar que cumpreu vintecinco anos nesta primavera.

En Vilalba, cunha forte tradición de prensa local, tamén coexisten varias revistas escolares, coma a “Pravia” do Insua Bermudez.

Arestora quero celebrar o esforzo e a calidade das alumnas e os alumnos que a deseñan e aplican con tanto entusiasmo a súa creatividade a este medio de difusión. E así grazas á súa investigación fun aprendendo o nome doutras criaturas da flora e da fauna do Paseo dos Soños que temos percorrido en moitas xeiras, así souben por eles das oucas e do pradano que medra na beira dos nosos ríos.

Esta iniciativa da comunidade educativa é un galano para o noso pobo, as crianzas están testemuñando coa súa escrita o que é o herdo común, que eles mesmos foron asimilando na familia. na escola ou na sociedade civil... Nos meus anos de ensino aprendín que os máis novos do centro tamén nos ensinaban ás e aos mestres, e emporiso tiñamos que escoitarnos e mirarnos aos ollos coa capacidade de solpresa que enxerga cada intre de aprendizaxe.

Emporiso sentín este número de “Charetas” coma un intercambio prodixioso entre as distintas xeracións que, por exemplo, facemos camiño cada día polo Paseo dos Soños partillando as marabillas da Nai Terra con estas criaturas que me foron mostrando os de 3º na súa achega na revista.

Antes da “Charetas” as e os proxenitores destes xornalistas tamén sacaron á rúa outras revistas con cabeceiras diferentes. Estas luceciñas que están a alumearme nas miñas andainas sonoras á par dos ríos e regatos de Vilalba endevamais van a esmorecer, porque as achegas desta rapazada son coma os vagalumes deste verán que van marcándonos o camiño coas súas luminarias no medio da vexetación.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES