Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santaballa: Cen anos máis...

miércoles, 09 de enero de 2008
Quero principiar o ano nestas páxinas, alongando o pasado, o do centenario da Liga Santaballesa de Educación e Instrucción, porque non podemos camiñar ás arroutadas. O mellor xeito para chegar á meta, é antes coller forzas, respirar fondo, e marcar novos horizontes... Non hai mellor arranque do 2008, que sentir toda a forza, de polo menos cinco asociacións de Santaballa, concentradas na escola habaneira, soñando o seu futuro, dende as súas raíces. Ducias de persoas, sobre todo os e as veciñas, deste lugar, mergullámonos o pasado día 29, nese manancial de vida que son os Amigos da Liga Santaballesa. A espiña dorsal do corpo da parroquia nesta xeira, que está a vivir. Fervían as correntes de auga, xeradoras de vida, que abrollan nas brañas do Alligal, fecundando a zona, arrequentando os corazóns e os espíritos. Disfrutamos, outra vez, da esvelteza do edificio, das súas canterías, enseñorándose naquela cima, coma un faro que coñece e orienta os pasos dos veciños. Pero o que máis nos emocionou foi a viveza desta comunidade, capaz de contaxiar un bo ánimo, alento, para o ano novo. Un ambiente tan acolledor e firme, só emerxe dunhas fortes raíces. Celebraban o remate desta efeméride, os cen anos, pero hai cerna para moitos máis.

En Santaballa houbo mestres canteiros, pero tamén guieiros, que souberon descubrir e escoitar o que din e gardan as pedras. Estas pedras vivas que están a construír a parroquia, e que son da densidade e estructura, das que os antepasados labraron noutrora na mesma canteira, para darlle cara, a cada tempo. As xeracións que ergueron a escola, e as que a foron conservando co mesmo espírito. Os líderes desta hora, Xosé Boullosa e Xosé A. Pombo, foron capaces de alumear esta noite de festa, con algunhas desas luces, con nomes e apelidos, que se sucederon e foron marcando o carreiro desta parroquia: Francisco Naseiro Castro, José Paz, Fermín Fraga, Domingo Pérez Ocampo, ata 57 santaballeses que cimentaron con nobreza a Liga. Agora, coma daquela, no 1916, cando asentan, por primeira vez, os pupitres, están a marcar a vangarda de saber organizarse para favorecer un ensino liberador e igualitario, a prol do pobo, no momento no que as Irmandades da Fala daban pulo á nosa lingua e cultura, cunha especial forza en Vilalba.

Cómpre, que neste novo período de tempo que estamos a encetar, cada lugar emprenda, en grupo, a tarefa de rastrear na historia da comunidade, para recoñecerse coma herdeiros nun tempo e espazo concretos, do que estiveron a darnos xenerosamente os nosos benfeitores. Cada colectividade da Chaira garda moitos tesouros que temos que ir compartindo, para crear máis vida ao noso redor. Tanto a comisión organizadora de tantos acontecementos no 2007, coma todos e cada un dos veciños, rebordaban saúde e ledicia, ao celebrar o albaroque dunha obra ben rematada. É a mellor raiola para encarar a nova singradura de 12 meses. A enerxía de varias xeracións que non temeron as treboadas desa outra charca que é o océano, que separaba as mesmas familias fisicamente, pero as soldaba para sempre co vencello da comuñón entre eles, procurando un futuro de cultura, progreso, saúde, para os seus, uns achegando as ideas e os cartos, outros a pedra e o traballo. Naquela xornada afortunada estiveron a contaxiarnos dos mellores auspicios e devezos para todas as aldeas e vilas da Terra Chá, no novo ano.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES