En democracia as ras crían pelo
Santalla, Iago - miércoles, 26 de junio de 2019
Veño de ver o documental El silencio de otros e teño que confesar que non entendo nada. Non entendo en que país vivo nin porqué algúns consideran o esquecemento obriga democrática e a memoria ameaza á democracia. Neste documental queda claro quenes foron os maiores beneficiarios da Lei de Amnistía.
Ningún deles saía do cárcere ou chegaba dun longo exilio; máis ben, os maiores beneficiarios da Amnistía evitaban o cárcere e o escarnio público tapando cun manto de silencio os seus crimes de lesa humanidade. Nunca contaron coa historia que é unha ciencia que vai coa rodeira do tempo e négase a esquecer, aínda cando a obrigan. Quizais, este é o erro xusto dos crimes perfectos, un erro feliz para os que claman xustiza e un erro merecido para os silenciadores da verdade. A rodeira da historia devolve e arrinca dignidades e torna a xustiza certa máis alá das xeracións.
Os crimes das feroces ditaduras que arrasaron España, Chile e Arxentina nin prescriben legalmente nin poden ser esquecidos moralmente. En España quíxose impoñer por lei o esquecemento; mais, a historia é un tsunami que supera xeracións, materializándose no concepto de xustiza universal. Isto fai posible que certas persoas que falaban dende púlpitos queden descubertas ante os seus crimes. Non é algo fortuíto, non é un arrebato dunha conciencia que non existe, non é o cambio radical da democracia; é a loita silenciosa e silenciada das familias que nunca quixeron esquecer e que, practicamente sen medios e arriscando a propia vida, conseguiron ir recuperando memoria e dignidade dos seus seres queridos.
Outra parte importante desta memoria sería sinalar con claridade aos culpables, como di a canción amargarlles a vellez, tendo en conta o espírito camaleónico que a moitos deles lles permitiu transformarse en adalides da democracia.
Sinalalos co dedo, como se está facendo, supón dignificar a nosa democracia, o noso país e achéganos á defensa máis profunda da liberdade, unha liberdade que nunca construíu aquel que a afogou. Aquel gardián do silencio ao que a súa mediocridade moral impediu ver que, en democracia, as ras crían pelo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora