Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galeguizar a xustiza

martes, 08 de enero de 2008
Vai para dous meses que se celebrou no castelo de Castro Caldelas un seminario xurídico que titulamos “Galicia vista polo Dereito”. Durantes tres xornadas máis de setenta alumnos acudiron á convocatoria feita pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Universidade de Vigo (Campus de Ourense). Os relatores foron recoñecidos xuristas das nosas institucións xudiciais e do Tribunal Supremo. Tamén interviron desde o estrado sobranceiros intelectuais, que abordaron temas tan actuais como a corrupción urbanística, e o novo proxecto de estatuto de autonomía para Galicia.

As xornadas foran convocadas tamén para homenaxear a tres xuristas caldeaos: Claudio Movilla, Orencio Pérez González e Casado Nieto. Os dous primeiros maxistrados. C.Movilla no Tribunal Superemo, e Orencio Pérez no xulgado de instruccións número 5 dos de Vigo. Manuel Casado fora fiscal da Audiencia Territorial de Barcelona. Todos os tres tiña un denominador común: a preocupación pola cultura galega. Claudio Movilla foi o primeiro maxistrado que ditou unha sentenza en lingua galega – maio de 1985-, sendo presidente da Sala do Contencioso da Audiencia Territorial da Coruña. Orencio Pérez foi, despois do maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, actual Presidente da Sección 2º da Audiencia Provincial de Pontevedra, o segundo maxistrado que en Galicia utilizou a cotío a lingua galega en tódolos actos procedimentais no seu xulgado. Casado Nieto por razóns obvias non puido exercer a súa función xurisdiccional na nosa lingua, pero si , porén, foi un cultivador dela, en prosa e en verso, amais dun precursor das traducións de textos biblícos ao noso idioma.

Cando lle solicitamos a Claudio Movilla que ditase unha sentenza en galego faciamolo a mantenta, sabedores como eramos de que o derradeiro texto xurídico redatado na nosa lingua estaba datado catrocentos anos antes. Iso si, coa condición de que entre os moitos contenciosos por resolver, o recurso elixido fose un no que o Concello de Redondela perdese o pleito. Perde o Concello, pero gana a nosa lingua, manifestou o Alcalde Xaime Rei cando coñeceu a resolución. Afobe que si. Estou seguro que o veciño que gañou o pleito non se sinte coparticipe dun feito histórico. Mágoa. Pero é así. Senón tería a sentenza enmarcada na sala de estar da súa casa. Eu faríao.

Desde entón a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, da que forman parte prestixiosos xurísitas, entre os que se atopan, entre outros moitos, o maxistrado Barreiro Prado, o fiscal da Audiencia de Pontevedra, Benito Montero, e o Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, vén traballando arreo pola galeguización xudicial. Houbo os seus máis e os seus menos nesta andaina: traducíronse e publicáronse diversos códigos; creáronse os gabinetes de traducións en audiencias provinciais e Tribunal Superior de Xustiza; divulgáronse campañas de animación para fomentar o uso da lingua galega no foro,etc. Hoxe hai en Galicia moitos xuíce e maxistrados –das novas promocións-, dispostos a secundaren o exemplos de todos os anteriormente citados e, sobe todo, de Daniel García Ramos, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa falecido.

Neste proceso de galeguización do ámbito xurídico hai que salientar,asemade, o papel do notario de Lalín, Victorino Gutiérrez Aller, autor do primeiro Formulario Notarial en lingua galega.

Malia os avances producidos, queda moito por facer. A Administración, que leva retraso no adecuación dos medios ao réxime da cooficialidade lingüística, e os propios operadores xurídico, avogados e procuradores. Nos seus despachos profesionais, maioritariamente, a lingua galega non ten entrada. Esta circunstancia debería ser modificada polos clientes e, en primeiro lugar, por aqueles que profesan militancia galeguista, política ou sindical. Coa coherencia destes abondaría para cambiar a situación. Quen paga, manda, di o vello refrán. Daquela, se quen acudindo a un bufete de avogados ou a unha notaría, procurando a solución dun problema, no lle indica ao profesional que é o seu desexo que o proceso se sustancie en galego, está perpetuando a minorización da nosa lingua.

Xosé González Martínez, Secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES