Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Diálogo

viernes, 21 de junio de 2019
A estes nosos tempos, se algo os define, é a contradición, o paradoxo, o desacordo, a frivolidade, a hipocrisía, a incoherencia, a mentira, a indefinición, a incerteza, etc., en todo o relacionado con certas dinámicas da realidade social, especialmente no ámbito da política. E parece, non obstante, pertinente afirmar que tantas descualificacións son unha impenitente esaxeración, porque noutras épocas históricas consideradas como boas sempre se encontra algo de todo. Certamente que si; pero o desgaste semántico falaz, na nosa, dos termos “progreso”, “democracia”, “diálogo”, “estabilidade”, e outros nesta liña, para propiciar un contexto interesado, suman o desconcerto xeral no pobo, disimulando, ao mesmo tempo, a súa perversidade.

Utilicemos agora aquí o termo DIÁLOGO, farto sobado hoxe en día no ámbito político. Basta lembrar o uso que fan do mesmo os independentistas cataláns e o mesmo Sr. Presidente do goberno do Estado. E utilizamos nesta colaboración a definición do DRAE, traducida ao galego: “Conversa entre dúas ou máis persoas, que alternativamente manifestan as súas ideas ou afectos”. Decatémonos, pois, que cambian o papel de emisoras e receptoras. E isto é importante, porque, para manter o ton necesario, o receptor non debe ter oídos xordos ao que di o emisor, evitando que o diálogo sexa de xordos.

Nas sociedades estabilizadas os diálogos propician a concordia; pero naquelas onde existen discordias buscadas polo exceso de frivolidade, por motivos inxustificados ou por incertezas e incoherencias que xeran vergonzosas e rebuscadas contradicións, o que abunda nelas é a hipócrita solicitude de espazos de diálogo para distraer con embustes e argumentos sofísticos a atención dos cidadáns, e debilitar e dispersar as críticas incisivas. Bos exemplos nos ofrecen os independentistas cataláns e aqueles partidos en declive electoral, cuxos lideres teñen urxentes necesidades de derivar e esvaecer as orixes das verdadeiras causas, para eludir as responsabilidades persoais.

Pero non debemos tampouco caer no optimismo de que o diálogo resolve os problemas con toda facilidade, porque non sempre falando se entende a xente, como adoita dicirse, pois, incluso, por falar deixa moitas veces de entenderse: Unha expresión desafortunada, inoportuna e incoherente (desas abondosas), pode xerar un abismo dificilmente salvable conversando, e sobre todo cando aniñan actitudes dogmáticas nunha intimidade animosa dos actuantes, catalizada polo dogmatismo, que é un dos grandes atrancos do diálogo. Desgraciadamente sobran exemplos; pero a representante duns independentistas cataláns que acudiu á visita do Rei, Sra. Borrás, para dicirlle que en Cataluña non reinaba, ou algo parecido, a parte de evidenciar un comportamento escasamente intelixente, debe considerarse, razoablemente, que puxo un atranco dogmático para ese tan solicitado diálogo, deixando no ambiente un “a priori” de falsidades e embustes.

Estas arrogantes expresións dun atavismo vomitivo, poñen ben de manifesto que certos diálogos verbais veñen precedidos dos tácitos, que son realmente decisivos, porque nestes, no fondo da intimidade persoal, deveñen eficaces controles das intervencións nos verbais, ós que tamén estimulan, para evitar e dar saída a unha implosión incomodamente contida no subconsciente. Pero os intervenientes están ben seguros de que o éxito ou fracaso do diálogo está completamente vinculado ao estado de ánimo xerado no diálogo tácito, que é o auténtico, porque o outro é un pseudodiálogo, unha verdadeira perda de tempo, un brinde ao fracaso.

No caso dos independentistas cataláns, na insistente invitación a un diálogo en versión “pseudo”, entran en acción outros parámetros que abonan ese fracaso, que é, xustamente, o seu obxectivo. Pensemos en que a utilización dun estatus simétrico, que non lles corresponde, ridiculiza ao Goberno español, non só pola frivolidade de presentalo na palestra dos medios como unha oportunidade que lle CONCEDEN, senón tamén porque se estrutura como un diálogo simétrico, cando debía ser unha imploración para dar solución honrosa a unha serie de actuacións fora do marco constitucional no que se delimitan e regulan as respectivas competencias.

Un dos aludidos parámetros é a arrogante, frívola e de mal gusto afección de certos independentistas ao monólogo, esgrimindo actitudes incoherentes, incorrendo en fragrantes contradicións, alardeando de demócratas e argumentando apoiados en mendaces premisas, etc., sempre para desacreditar a España, na que non reparan en acadar funcións políticas ben remuneradas, precisamente ao amparo da legalidade que negan. Acaso podemos ofrecerlles un exemplo de condutas máis contraditorias e que máis desprestixie a priori esa sobada DEMOCRACIA e hipócrita solicitude de DIÁLOGO?.

E, non obstante, dun e doutro lado, non son poucas a persoas, moi preparadas, que consideran que o diálogo é a única saída posible para encontrar solución ao problema que a insensatez duns políticos creou en Cataluña. A miña opinión, tal vez por insuficiencia documental, non me permite compartir unha postura optimista neste caso, por varias razóns, e entre elas porque naqueles diálogos que non predomina a CO-CONSTRUCIÓN non é nada fácil acadar acordos, e neste caso son evidentes os atrancos dogmáticos, por unha das partes, e as competencias constitucionalmente limitadas, pola outra; e, incluso, Cataluña tampouco estaría suficientemente representada. Isto dificulta compartir as premisas de partida, “condicio sine qua non” para obter froitos nas conversas “dialóxicas”.

En consecuencia, se para dialogar é mester que as partes intervenientes teñan algo que ofrecerse, ¿que poden ofrecer os independentistas que non sexa a promesa de acatar o resultado do referendo catalán de autodeterminación (pero…por canto tempo?!!!), e o Sr. Presidente do Goberno, o compromiso de convocar un referendo para obter o consentimento pertinente do pobo español soberano?. E, posto que calquera outra conclusión á que se chegase, no suposto de producirse fora do ámbito constitucional, arrastraría consecuencias xurídicas, non queda outro camiño que aceptar a correcta, que ningún dos intervenientes pode vender na farándula política como un éxito de especial e meritoria xestión.

E aludo a “farándula política”, porque os líderes responsables de axilizar as accións gobernativas son tan enxeñosos que se permiten, cinicamente, inventarnos, para que non decaia a incerteza e a indefinición, un goberno COOPERANTE, ao que lle van a colgar unha serie de diálogos, unha maneira cínica de retrasar a solución dos problemas que afectan aos cidadáns, e ata nomearán, por suposto, comisións para encomendarlles os trámites de urxencia!!.

En fin…, o diálogo é un instrumento adecuado para acadar acordos na solución de problemas de convivencia cidadán; pero ten a súas esixencias, e, entre elas, a posibilidade de que os intervenientes nel conten coa representación legalmente necesaria e estean dispostos a moderar, ou cambiar, por absurdas e improcedentes, as pretensións que os levaron a tan lamentable situación. E este non parece o caso duns independentistas que teñen a arrogancia de pedir que os absolvan das presuntas accións delituosas e os remitan ao ámbito da política, que é xustamente no que eles cometeron os presuntos delitos, e que, ademais, utilizaron para atribuír aos lexítimos representantes do Estado español, en algúns ámbitos institucionais, precisamente, as descualificacións nas que eles mesmos estaban incorrendo. Todo un alarde estratéxico de xogo infantil!!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES