Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xogo de cornos

miércoles, 19 de junio de 2019
Había "anísimos" -que diría unha miña irmá- que non pasaba por Allariz na semana do Corpus.

É posible que xa o contara nesta columna, pero dado o tempo que vai, supoño que se me repito ninguén se decatará a non ser que sexa un "friky" destas letras, cousa que dubido que haxa alguén dentro do pequeno universo que entra nos marcos desta "ourensalia".

A última vez que estiven no boi contemplando as carreiras, aínda eran as miñas fillas moi cativas. Daquela -descoñezo se o siguen facendo-, cando a comitiva pasaba pola praza do Concello ataban o sedeño á argola que aínda alí se conserva e a parte de deixalo descansar un chisco fornecíanlle algo de brevaxe para que collera de novo folgos e continuase o seu esparexedoiro troquelear polas rúas empedradas espantando xudeos do século XXI.

O caso foi que no intre mesmo no que trataron de meter o sedeño polo ferro da argola, o boi que estaba atento colleu ó home da aguillada un pouco adormecido e meteu os cornos e o resto do corpo no mesmo portal do concello, lugar onde nos resgardabamos un bo fato de curiosos. Nós -e dicir, as xentes que foron canda min e máis eu-, tan pronto o boi fixo o primeiro arremedo para entrar tratamos de nos esconder por detrás da porta, pola súa parte dereita, xusto -tamén foi mala pata- pola parte que os coidadores turraron polo sedeño, cousa que fixo recuar ó boi cara onde nós estabamos e para que o asunto non cobrara entre todos unha desagradable sorpresa, de súpeto un mar de mans instintivas poboaron a súa cornamenta e fixémolo virar de contado co fin de que volvera polo mesmo lugar que entrara.

A cousa non pasou da fase da anécdota, pero a min, dígolle a verdade, quitoume as ganas para moito tempo de volver polo lugar en tempo de romaría, por máis que, por moitos motivos, continúe sendo un defensor da festa.

Onte pola mañá, sabedor de que os perigos camiñaban por outra banda da franxa horaria, acudín a ver a representación teatralizada que deu lugar á orixe da aparición de Xan de Arzúa como insólito cabaleiro a lombo dun boi para xotar ós xudeos que non lles permitían ós gremios celebraren o Corpus.

Con agradable sorpresa, tamén, vin que por máis que sexa unha festa de carácter histórico porque está nos documentos, os seus promotores non lle teñen modo ás licencias e, no canto de contar a historia de Xan de Arzúa tal como contan os pergameos, este ano decidiron inspirarse en xogo de tronos e guionizar unha historia apócrifa nun "xogo de cornos" nos que moitos terían que se ver representados nestes tempos ausentes de principios polo que levamos anos transitando.

Alén de todo, gustei especialmente do compromiso gremial de cada quen para que a festa sexa popular e non un deseño administrativo de laboratorio. Velaí, por iso, a miña máis sincera noraboa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES