Goberno de Cooperación
							Xiz, Xulio - martes, 18 de junio de 2019
							  	A Real Academia Española, a que limpa, fixa e da esplendor ao idioma, integra nos seus sillóns aos especialistas máis notables das diversas ramas do saber para que en todas elas o idioma español progrese axeitadamente. Pois supoño que tomarán boa nota, e desta integrarán ao Presidente en funcións do Goberno, que ven de inventar un novo tipo de Goberno, o de Cooperación, que parece ser vai tomar carta de natureza.
	Sabíamos de gobernos de Concentración, bipartitos, tripartitos, de penenes, ata de Salvación nacional para casos de emerxencia ou de extrema gravidade pero é a primeira vez que se fala dun goberno de Cooperación defendido con toda naturalidade por altos dirixentes do Psoe como se fose algo que figura en todos os manuais políticos e ata o de agora non tivésemos reparado nel.
	O de Cooperación, gobernos e institucións reservábano para temas de axuda aos máis desfavorecidos do terceiro mundo, e así hai unha obriga moral para os estados de reservar unha parte do produto interior bruto, coido que o 0,7%, para a cooperación internacional, de xeito que con cargo a ese capítulo, directamente ou a través de ONGs, os países poderosos, do primeiro mundo, emprenden accións para intentar elevar o nivel de vida de lugares normalmente conflictivos, de xeito que mellorando a súa situación diminúa o perigo dos aluvións de inmigrantes a Europa.
	Todo indica que esto da Cooperacion política é para non recoñecer que se pide axuda a Podemos para que o Psoe poida  acceder ao goberno de España, entre outras razóns porque a mención da alianza con esa forza política produce urticaria entre os militantes do Psoe, e en xeral a todos nos pon en garda a posibilidade de que Pablo Iglesias sexa o próximo Ministro de Hacienda.
	Volvendo á Cooperación como axuda dos países occidentais aos que se pretende axudar a desenvolverse, plantéaseme unha dúbida: É Podemos o poderoso que axuda cooperando- a que os pobriños do Psoe gobernen España nos próximos catro anos, ou o poderoso Psoe o que coopera para que o pobriño Pablo Iglesias salve os mobles agora que os votos lle son esquivos. 
Así e todo, parodiando a Francis Bacon, podemos concluir que Coopera, que algo queda, xa que a cooperación para ninguén vai ser gratis. Tampouco para todos nós.
							
							
 
							Xiz, Xulio
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora