Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Estigma de Amor

miércoles, 12 de junio de 2019
Non é a primeira vez que me ocupo nestas páxinas da escrita de Manuel Francisco Reina, así que os habituais xa saben da excelente consideración que me merece a súa poética. Dos seus versos teño dito que “vai neles toda unha ontolóxica do ser e do estar, dos espectros que nos asedian e os anxos salvíficos e soturnos que connosco dialogan, da memoria que nos conforma e o amor e mais a solitude que nos define”.

Tras a lectura de Sólo tu nombre es mi enemigo, o seu máis recente poemario, reafírmome nas miñas palabras: a súa é unha lírica de inusual fondura, onde o tratamento das máis transcendentes cuestións se reviste dunha estética de harmonía admirable, dicir de sólida orquestración no que imaxe ningunha fica sen sutil afinamento.

Sólo tu nombre es mi enemigo fíxose co XXV Premio de Poesía Rincón de la Victoria In Memoriam Salvador Rueda e ve luz por man deste concello no prelo da Deputación de Málaga. O libro, coidadosamente impreso, adórnase cunha espléndida cuberta que reproduce unha técnica mixta de Ginés Liébana e tanto polos tipos empregados coma polo papel e formato escolleitos resulta un volume ben agradable de percorrer.

Dividido en catro seccións (“Inocencia”, “Pero más el amor”, “Sólo tu nombre es mi enemigo” e “El mal de aurora”), todo o poemario asenta nun nadir shakesperiano: as palabras que Xulieta dedica a Romeo para convencelo de que nada pode o seu apelido e, polo tanto, a presenza da súa familia, fronte ao amor que os une. A partir desta ancoraxe na traxedia amorosa canónica por excelencia Reina desenvolve toda unha indagación polos vieiros nos que transitan, bifaces, amor e desamor, a máscara, a persona etimolóxica, o verdadeiro ser que se oculta e é eco e sombra e cinza perante o incendio de Eros que todo o abrasa.

Porque esa é a tese maior do libro, a imposibilidade de renunciar ao amor malia as feridas que este infrinxe ou, dito doutro xeito, a condena a repetir unha e outra vez o camiño da paixón e a súa caída.

Entre un e outro extremo ama e sofre o corazón, porque o querer “siempre encuentra excusa a su verdugo;/ que computa el martirio sonriendo/ como un sangrante itinerario,/ testimonio de entrega”. E, secasí, o amante entrégase sen condicións: “Dos bocas devorando la cordura,/ dos lenguas consumándose en silencio,/ dos cuerpos desbocándose en lo oscuro,/ una sola verdad que al filo se entrega”.

A distancia do amante, ese cruel camiño do esquecemento do delirio é un mal que dinamita as entrañas e mesmo a aurora resulta unha condena que obriga á separación dos que se aman, pois defunta a complicidade lunar dos seus encontros. Hai aquí, como en moitas outras pasaxes do libro, toda unha revisitación do amor cortés e os seus códigos que adquiren novo sentido na hibridación con outras tradicións e estéticas coas que se entrecose un velame no que sopran dende Browning e Lautreamont ata Cernuda e Lorca, igual Gil de Biedma que Margueritte Yourcenar, o mesmo María de Francia que Ana de Istarú.

No gume cortante dos dominios do amor e o seu inferno vasalático, na delgada liña entre a concupiscencia farturenta e o mal trato amatorio instálanse moitos destes poemas, que xogan cos monólogos interiores, tamén coa superposición de voces e o calidoscopio de espellos da enunciación, que ora fan falar á Xulieta desgarrada ora á reverberación autorial para denunciar a ingratitude do amante, tamén para proclamar a morte e resurrección de Amor.

Conmovedora, fascinante e apaixonada, a escrita de Manuel Francisco Reina neste Sólo tu nombre es mi enemigo lémbranos que, tal como Ícaro non pode deixar de voar a pesar dos perigos, tampouco o corazón pode negarse a amar de novo, malia os estigmas abertos con pasados desencantos, por iso o libro remata proclamando: “Y queda en mi pecho amor para morir más veces./ Valor para afrontar de nuevo los desengaños./ Temor para enfrentarme firme a un nuevo enemigo”. Amemos, pois.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES