Cando pretendía escribir algo sobre os aparcamentos reservados, rapidamente me veu tamén a imaxe de descoidados.
A lexislación contempla, por cada certo número de aparcamentos, a reserva de prazas para persoas con mobilidade reducida. Deben reunir certas condicións como estar situadas o máis cerca posible dos accesos peonís e das entradas aos edificios e

sinalizadas horizontal e verticalmente co símbolo internacional de accesibilidade. Ademais a sinalización horizontal ten que facerse con pintura na que non se esvare.
Para poder estacionar nesas prazas hai que dispoñer da tarxeta correspondente. Quizais por estar situadas en sitios estratéxicos son tentadoras e así, no día a día, é fácil velas ocupadas sen tarxeta ou con tarxetas de dubidosa procedencia que de todo hai
Non vou entrar en detalles técnicos sobre as medidas que teñen en liña ou en batería, pero si puntualizo que deben actualizarse e adaptarse ás novas características dos vehículos con rampla na parte traseira. Tamén deben contemplar unha zona de transferencia comunicada co itinerario peonil.
Dicía que un dos requisitos destes aparcamentos é estar ben sinalizados e a iso quería referirme dado o estado lamentable en que se encontran na case totalidade. Poden comprobalo facilmente como fixo A. Pallón coa reportaxe fotográfica que me mandou.
Se xa é duro a veces recibir malas contestacións dalgúns condutores ante calquera observación, moito máis ver a despreocupación que hai porque estean coidadas e visibles. Sirva de aportación para o novo equipo de goberno xa que de seguir así, a parte de dar unha imaxe pouco agradable da cidade, acabarán desaparecendo.
Remato lembrando unha vez máis a campaña Ponte no meu lugar, non no meu sitio.