Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Proxecto María Balteira

martes, 11 de junio de 2019
O Proxecto María Balteira encherá de contido a Feira Franca Medieval conmemorando os 800 anos da lírica medieval de Betanzos.

Co nome de 'Proxecto María Balteira', varias entidades de Betanzos e a contorna preparan o 'Proxecto María Balteira' para a primeira semana de xullo dentro da O Proxecto María Balteiraconmemoración dos 800 anos e para aportar contidos á XXII Feira Franca Medieval.

A Asociación Cultural, gastronómica e deportiva Lar de Unta promove este proxecto, coordinado polo grupo poético NPG Nova Poesia Guitirica co patrocínio do Concello de Betanzos e a colaboración da Asociación de Veciños de Ambroa, a Asociación Cultural de Colantres, Biblos, Café Lanzós e os concellos de Irixoa e Coirós.

O Proxecto María Balteira prepara para a primeira semana de xullo, previa á Feira Franca, unhas xornadas que incluirán en Betanzos recitais de poesía, charlas, mesa redonda, concerto, edición de pasquíns, a edición da obra dos xograres e trobadores Pero de Armea, Pero de Ambroa, Pero Amigo de Sevilha (S. XIII) e poemas adicados a María Balteira, todos eles naturais das Terras de Betanzos.

O día 6 de xuño os actos trasladaranse a Ambroa (Irixoa) e o día 7 de xuño a Armea (Colantres, Coirós), lugares de onde procedían os xograres e María Balteira, que formaron parte da corte de Afonso X O Sabio na idade de ouro da literatura medieval galego portuguesa.

Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas, Dores Cao, profesora do IESP As Mariñas, a catedrática Concha Delgado (prologuista do libro que editará Biblos), o filólogo Xosé Ramón Pena, o profesor Eduardo Maragoto, presidente de AGAL, o profesor Xulio Loureiro do IESP As Mariñas, Marica Campo, autora do libro Confusión e morte de María Balteira ou Manuel Portas, autor do libro Lourenço xograr, serán algúns dos conferenciantes destas xornadas que pretenden divulgar o importante papel de Betanzos na idade de ouro da lírica medieval hai 800 anos aparellado ao peso político da cidade nese período histórico.

A Fundación Luís Seoane (este ano adicanse a Luís Seoane as artes galegas) cedeu o gravado do autor sobre María Balteira para imaxe do Proxecto, do libro e dos pasquíns, e o Centro de investigación de humanidades Ramón Piñeiro coa colaboración do seu secretario Armando Requeixo, cedeu a obra completa destes tres poetas medievais e poemas adicados a María Balteira.

A tradición literaria de Betanzos remóntase á Idade Media, época de esplendor da lírica e auténtica idade de ouro para Galiza e Portugal. Aportamos a esta época un trobador, dous xograres e unha soldadeira, María a Balteira. Os tres autores pertencen ao século XIII, manteñen relacións literarias e frecuentan as mesmas cortes, a corte real de Afonso X e, posibelmente, a corte señorial galega de Rodrigo Gómez de Trastámara.
O trobador Pero García de Ambroa, natural de San Tirso de Ambroa, no concello de Irixoa, partido xudicial de Betanzos, é autor dunha cantiga de amigo, unha cantiga de amor, once de escarnio e unha tensón. Hai autores que consideran que teríamos que distinguir entre un Pero de Ambroa xograr e un Pero Garcia de Ambroa trobador; outros opinan que son a mesma persoa e algún engade que é o mesmo autor cunha evolución de trobador a xograr pola decadencia económica. Este trobador foi obxecto de crítica por moitos autores pola súa suposta peregrinación a Terra Santa e pola relación con María a Balteira.

Pero de Armea, orixinario do municipio de Coirós, do lugar de Armea, é autor de 13 cantigas de amor, catro de amigo e unha cantiga satírica, de escarnio de amor.

Pedro Amigo de Sevilla, designado de Sevilla porque residiu nesa cidade, é identificado por Martínez Salazar e García Blanco cun clérigo de de San Tirso de Ambroa, no concello de Irixoa, lugar de onde era orixinario Pero García de Ambroa. Foi coengo de Oviedo e de Salamanca onde firma o seu testamento en 1302. A súa obra está formada por dezasete cantigas satíricas, catro cantigas de amor, unha pastorela, dez cantigas de amigo e unha tensón con Xohan Vasquiz de Talaveira.

Toda esta obra e os pkemas de djversos autores da época adicados a María Pérez A Balteira serán editados polo proxecto co prólogo da profesora betanceira Concha Delgado.

PROGRAMA DE ACTOS:
LUNS 1, 20:00 horas, Salón Azul do Liceo:
PRESENTACIÓN do proxecto coa presenza de representantes das diferentes entidades que participan.

MARTES 2, 20:00 horas, Salón Azul do Liceo:
RECITAL poético: "Todas somos María Balteira". ESTREA do sketch teatral para a Feira Franca Medieval.

MÉRCORES 3, 20:00 horas, libraría Biblos:
CONFERÉNCIA "Betanzos na Lírica Medieval galego-portuguesa" cos filólogos betanceiros Concha Delgado e Moncho Pena, especialistas en lírica medieval.

XOVES 4, 20:00 horas, libraría Biblos:
CHARLA COLOQUIO, "O galego do século XIII ao seculo XXI. O futuro é agora" con Eduardo Maragoto, Lingüista, presidente de AGAL e Xulio Loureiro, mestre de galego no IES As Mariñas.

VENRES 5, 20:00 horas, Salón Azul do Liceo:
MESA REDONDA: "800 anos, 800 versos, 800 histórias" con Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas, Manuel Portas, profesor e escritor autor de Lourenzo xograr e Marica Campo, mestra e escritora autora de Confusión e morte de María Balteira.

22:00 horas: Porta da Igrexa de Santiago. CONCERTO de música barroca cortesía do Café Lanzós.

SÁBADO 6, 20:30 horas, Igrexa de San Tirso, Ambroa, Irixoa. RECITAL poético "Amigos de Pero" homenaxe a Pero de Ambroa e Per' Amigo de Sevilha e presentación do sketch teatral da Feira Franca Medieval.

DOMINGO 7, 11:00 horas, Palco de música no Cantón: Andaina a Armea (orixes de Pero de Armea e María Balteira) guiada pola mestra de galego do IES As Mariñas, Dores Cao. Á chegada, mostra do sketch teatral da Feira Franca Medieval.
NPG Nova Poesía Guitírica
NPG Nova Poesía Guitírica


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES