Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Comercio local – Comercio global

lunes, 10 de junio de 2019
Despois doutros artigos -que se publicaron en entradas anteriores- nos que se tratou o peche dunha libraría, os cincuenta anos doutra así como o exemplo dun comercio con encanto creo que compre falar, en xeral, da necesidade do comercio de proximidade. O último número da revista Coralia tamén mostra a preocupación por esta temática, no seu caso referida a Compostela.

Na capital de Galicia o problema é realmente atafegante. Día a día van desaparecendo os comercios emblemáticos, os de sempre, aqueles que mantiñan a historia común e de marca de cidade, para ser substituídos polas tendas de recordos de baixa calidade, souvenires uniformizadores, que se multiplican e repiten, formando un parque temático a modo de “todo a un euro”. Hai rúas que foron emblemáticas como a rúa do Vilar, da que desapareceron as librarías González (que tamaño!) e Gali (canta antigüidade!), as papelerías como Docobo, os obradoiros de prateiros de toda a vida ou a tenda de Rosa Maside... para ser inmediatamente suplantadas por esa peste de obxectos de mal gusto medio relixiosos medio vintaxe que funcionan a modo de marca. Desta maneira, se a camiñas mirando os escaparates daraste conta de que poderías estar en calquera outra cidade porque o tipo de tendas é o mesmo.

Houbo unha crise (e haina porque xa veu para quedar), creáronse centros comerciais (algún deles -As Cancelas- sen máis necesidade que deixar baleiro outro -Área Central- que integraba un barrio), avanzaron as vendas por internet, as cadeas e franquías vanse facendo cada día máis presentes… e atopámonos con que se concentra o comercio nunhas poucas mans mentres desaparece a pequena tenda especializada, o comercio de proximidade, o establecemento de barrio, o identitario que só podiamos atopar aquí. Eses negocios tradicionais que achegaban as relacións sociais e a atención personificada ao produto propio, eses son os que neste momento se botan de menos na cidade, os que se reivindican como necesarios para os que a habitan e os que a visitan, os que permanecer e os que pasan.

Fronte ao comercio global (de cadeas, marcas e franquías) non queda outro remedio que defender o local, porque quen vai preservar o noso, o propio, se non o facemos nós? Fronte á turistificación só nos queda a baza da singularización.

Obxectos orixinais para loitar contra a homoxeneización porque ou es distinto ou vendes barato, polo tanto só apostando pola diferenciación se poderá resistir.

Xa se dixo moitas veces, pero igual temos que repetilo: igual que o privado é político, tamén mercar o é. A compra é unha arma coa que podemos decidir, igual que o é o voto. Por iso, non vale chorar polo que perdemos senón consumir responsablemente, comprometernos co que fai máis fermoso e sustentable o lugar no que vivimos, e xogando co lema dun partido nunha das últimas campañas “poñendo da nosa parte todo o necesario para que non ocorra”, para que non se peche ningún máis dos comercios que debemos preservar.

Nas aldeas vanse pechando as tendas, en moitas desas comunidades xa non queda ningunha e, como se estiveramos nunha cidade norteamericana, debemos coller o coche para ir mercar as galletas do almorzo, o sal ou o xabrón.

Tivémolas, pero non soubemos mantelas, non quixemos caer na conta de que aínda que fixeramos de vez en cando a compra grande no hipermercado tiñamos que conservar o pequeno comercio que nos servía para os apuros pero tamén para as conversas, para atoparnos cos veciños e preguntar sobre os produtos, porque nesa tenda tiñamos con quen falar e no supermercado non hai quen nos axude, autoatendémonos, autoservímonos a gasolina, autolavamos a roupa… e pagamos o paro de toda a xente que o empresariado foi expulsando do sistema.

Nas aldeas perdeuse ese lugar cívico de socialización e nas cidades o comercio de calidade que nos singularizaba. Só nos queda preguntar se temos algunha outra opción ou asistiremos pasivamente á deriva dos tempos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES