Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algo máis acerca da dignidade humana

viernes, 07 de junio de 2019
No artigo anterior introducimos a diferenza entre o que chamamos dignidade constitutiva e a conquistada. É esta unha temática que comporta dificultades, fundamentalmente porque sempre hai que abordala en perspectiva antropocéntrica, sempre é o home o que defende a súa propia dignidade, e isto compromete a necesaria obxectividade, porque os outros seres que nos acompañan no mundo non teñen opción a facer a defensa da que eles podan ter.

Fíxose eco deste problema D. Francesc Torralba Roselló, Doctor en Filosofía e en Teoloxía, profesor universitario. E xa inicia o primeiro capítulo do seu libro titulado ¿QUÉ ES LA DIGNIDADE HUMANA? (Herder Editorial, S.L., Barcelona, 2.005.), referíndose ao debate sobre a dignidade, precisamente invitando aos alumnos a facer un traballo no que mostraran, “con argumentos sólidos, que, realmente, o ser humano ten máis valor ontolóxico que unha leituga”, e aínda que moitos pensaron que se trataba dunha verdade de pé de banco, ofreceron os seus argumentos, e, entre eles, destacou que a leituga non podía argumentar, senón tal vez sostivera que o feito de ter unha cor verde era superior a racionalidade do home/da muller. Estaban, pois, situados así nunha consideración de tipo antropocéntrico, cando “do que se trataba era de buscar argumentos obxectivos e non meros pretextos para xustificar a superioridade da especie humana”.

Isto lévame a Intentar aportarlles as ideas dalgúns intelectuais que, na miña opinión, considero que teñen en conta as dúas clases de dignidade apuntadas no anterior artigo, aínda que con certas matizacións máis ou menos relevantes, que nos obriga a auxiliarnos da hermenéutica. En todo caso, e inmersos nunha etapa histórica que non parece que valore o necesario a dignidade humana, incluso sectores da sociedade que debían de coidarse de certas condutas depravadas, por esixencias do seu rol transcendental na sociedade, ignórana, e hai que facerlles presente que esta temática é acredora a unha maior atención, pese ás diversas perspectivas que se ofrecen para abordala.

Digamos algo do filósofo alemán Jürgen Habermas. Para el a racionalidade establécese en forma de procedementos, é dicir, validar ou falsear enunciados sobre o mundo, ou consideralos, incluso, inxustos, sobre as nosas relacións sociais, como no campo da moral e da mesma ciencia, é algo que debe decidirse mediante o que el chama “razón dialóxica”, e entendamos aquí por esta, aínda que é algo máis complexo, a busca de solucións aceptables entre os partícipes, nunha comunidade de diálogo, mediante un procedemento dialóxico.

Sabido isto, cabe preguntarse como enfoca J. Habermas a dignidade humana, e dínolo F. Torralba na súa obra citada máis arriba, na p. 81, nos seguintes termos, en tradución miña ao galego: “O filósofo alemán parte da idea de que é a comunidade de diálogo a que debe discernir o valor da dignidade que teñen os seres humanos, os animais e as plantas”. Argüese aquí non desde un atributo ontolóxico, senón desde un valor que se atribúe a unha vida en particular, polas razóns que se dean nese procedemento dialóxico, se ben tendo en conta que a discusión sobre a vida humana é aberta e que a súa liberdade ten unha funcionalidade perfectiva e non pode eludir comodamente, polo tanto, a esixencia de comportamentos dignos.

A fin de ir aclarando un pouco máis a idea de J. Habermas, que parece non aceptar a dignidade constitutiva, ao remitila á “razón dialóxica”, permítanme que lles ofreza outras posturas, que considera o Dr. Torralba, que fai referencia á discrepancia entre Habermas e o tamén o filósofo alemán Peter Slöterdij, quen sostén que a dignidade humana está ameazada polos medios de comunicación social que embrutecen ao home e pola incapacidade de domesticar dos mestres e educadores. Habermas discrepa, considerando que a dignidade pertence a persoa como tal, e incluso estende o concepto de dignidade á vida embrionaria para protexer o embrión.

Pero hai que pensar que esta postura a Habermas non lle pode resultar cómoda, porque unha vida emerxente non pode considerarse como interlocutora válido nesa comunidade dialóxica, na que se decide sobre a dignidade; pero a aplicación de técnicas de manipulación xenética lévoo a dicir que poden chegar a vulnerar a dignidade da vida humana emerxente e quebrar a súa liberdade potencial, e quere evitalo. Lembren que nisto coincide coa perspectiva ética de Hans Jonas, sostida na súa obra “El principio de responsabilidade”.

Penso, pois, que Habermas acaba vinculando á PERSONEIDADE zubiriana unha certa dignidade que non parece que sexa outra que a constitutiva: Canto máis a elude, máis a necesita!.

O mesmo Dr. Torralba, na súa obra “Antropología del cuidar”, Mapfre Medicina, Barcelona, 1998, di que nas discusións bioéticas poden identificarse
tres clases de dignidade :

A ONTOLÓXICA.- Entendida como a categoría dun ser que esixe estima e especial consideración, dada necesariamente na súa esencial estrutura metafísica, ou, como sostén R. Adorno, trátase dunha calidade inseparablemente unida ao ser mesmo do home, sendo, por tanto, a mesma para todos: É O VALOR DO HOME POLO MERO FEITO DE EXISTIR, por iso aínda o peor dos criminais é digno neste senso e non se debe someter a tratamentos degradantes: Cando esta dignidade non se respecta, cáese na barbarie e no mal radical. Pensen aquí na constitutiva.

A ÉTICA.- É a dignidade, segundo Patrick Verspieren, responsable do departamento de ética biomédica de París, que depende, esencialmente, do mérito, e ten moito que ver coa discreción e a decencia . R. Adorno di que non pertence ao ser da persoa, senón ao seu obrar, facéndose o que debe ser. Creo que hai que entendelo, en termos de Zubiri, realizándose conforme ás esixencias da súa realidade persoal, e tal vez mellor desenrolando a personeidade en forma de personalidade: É, na miña modesta opinión, unha dignidade adquirida, conquistada, mediante o comportamento.

A TEOLÓXICA.-É dicir, a deducida da dignidade que se recibe de Deus, que só se revela nun diálogo do home con El. E caracterízase por ser algo dado ao ser humano, no caso de crentes.

Como a dignidade humana está estreitamente vinculada a ética, considero unha esixencia facer alusión ás filósofas María Zambrano e Adela Cortina. Para M. Zambrano a persoa humana é a tradución da función social do individuo humano, o seu SER-CON, a súa proxección pública, o seu ser en sociedade. Pensa esta filósofa que o home está ameazado por dous polos opostos: un socialismo esaxerado e un individualismo egoísta. Por isto, só pode desenrolar a súa personalidade SENDO COS demais, pero sen deixar de ser en si mesmo. Certamente, percibimos mellor isto cando estamos pasando unha crise de soidade e sentimos, imperiosamente, a necesidade de abrirnos a comunicación para acadar as simpatías alleas.

Adela Cortina aborda esta temática recorrendo a Karl Otto Apel e Jürgen Habermas, e, consecuentemente, identifica á persoa humana co falante competente na comunidade dialóxica: “Os seres humanos fanse desde o diálogo, non desde o monólogo”. Non lle concede dignidade aos animais, porque non teñen a categoría de persoas, non están dotados de competencia comunicativa humana e non poden recoñecer a súa mutua dignidade: Non son suxeitos “con fin en si mesmos”, nin posúen , autoconciencia, dignidade…, que son precondicións da competencia comunicativa do discurso moral.

Se vostedes percibiron que incluso os autores que utilizan outros métodos de análise insisten, aínda que sexa con algunha matización do enfoque propio, en amosar reparos a eludir a dignidade persoal constitutiva, comprenderán que a relatividade da adquirida, da conquistada, está esixindo un fundamento indiscutible para facela viable. E perdoen a extensión, que penso que foi necesaria, para manter o fío condutor.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES