Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alta Voz

viernes, 04 de enero de 2008
Nin poido nin quero evitar que a miña voz soe radiofónica. É lóxico. Soa a Radio Popular de Lugo.

Cando alguén fai algún comentario sobre a sonoridade desta miña expresión, non sei que dicir, pois ningún mérito teño nesta compensación que a natureza me fixo diante doutras mermas que á vista están.

Hai corenta anos, cando alguén chegaba a Radio Popular preguntando por min, coñecéndome só pola voz, agardaba atopar unha persoa moi maior e non un rapaz de vinte anos. Agora, comprobo que xa está axeitada a esta xuvenil terceira idade, e que o meu fillo herdou bastante deste chorro aínda que non exerce esta profesión, quizais porque cun falador por familia chega.

Esta voz descubriuna Paco Rivera nunha miña actuación teatral no Círculo das Artes mediado 1967, e xa que a nacente Popular de Lugo precisaba un locutor correturnos propúxolle ó director Benito Vázquez que me contratara.

Moi en bruto debía estar a voz e máis eu, cando o director me tivo facendo prácticas dous meses, día tras día, hora tras hora, gravando lectura tras lectura, metido no estudio, só co micrófono e un magnetófono aló enfrente. Cando acababa unha cinta, viña Joaquín Fernández e poñíaa de novo en marcha, gravando sobre o gravado, nunha aparente viaxe a ningunha onda.

Os que eran xa profesionais da casa non comprendían aquela tortura nin o meu aguante. Ninguén pasara por unha proba así. Ninguén volvería pasar por unha proba tan frustrante.

Ata que ó cabo de dous meses -final do 67- Don Benito decidiu que xa “practicara” bastante, e consideroume apto para o servizo. Supoño que fun o que máis estimou a dignidade de ser membro activo de Radio Popular de Lugo. ¡Canto lle agradecín moito despois terme obrigado a traballar a voz!

Fixen radio na galega, e televisión en Televisión Lugo, para rematar na actualidade tendo un comentario semanal en Popular de Vilalba. A miña voz, sempre alta, sempre foi de Radio Popular.

Seino desde aquela noite na que por primeira vez me identificaron pola voz. Rematabamos a emisións ás doce, e ás veces amigos noctámbulos viñan buscarnos para ir tomar unha copa a itinerario “non sancto”, en inocente incursión que nos parecía aventura e non era máis que puro voieurismo.

Nun dos antros nos que entramos, eu pedín un refresco, outro que andaba algo enfermo, un vaso de leite -miráronnos de mala maneira- e o resto bebidas máis normais. Pero no segundo lugar ó que entramos cando ó entrar fixen comentario en voz alta, unha veterana profesional que estaba tras da barra exclamou: “¡Que voz más conocida... la escucho todas las noches...!”.

Funme, antes de que a nosa oínte puidese proclamar que a voz que chegaba entraba a cotío naquel bar a través de Radio Popular de Lugo.

O tono da miña voz segue a ser alto. Ó mellor, por eso, evito lugares ou compañas improcedentes.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES