Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Uxoricidios

miércoles, 05 de junio de 2019
Fican atrás os días de verán e remanece en min o agradecido saibo da lectura de Senlleiras, a novela coa que a burelense Antía Yáñez gañou o último Premio Illa Nova convocado pola Editorial Galaxia.

Da autora coñecía algúns relatos e narracións breves publicados aquí e acolá, moitos deles froito de galardóns e, sobre todo, unha narración destinada ao público infantoxuvenil, O misterio de Portomarín, que recuperaba o pulso das máis trepidantes historias de investigación e intriga para o lectorado novo.

Con Senlleiras Yáñez estréase na narrativa longa institucionalizada e faino pola porta grande: co aval dun prestixioso premio e a acollida nun selo editorial maior, inmellorables compañeiros de aventura para alguén que comeza a andar, con paso firme, os camiños da nosa novelística.

A historia que aquí se nos propón ten un comezo que pode resultar unha miraxe e que se resume nas liñas iniciais da contracapa do libro: “Unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta”. De primeiras, haberá a quen este arranque lle faga supor que está ante unha novela sobre o masivo, espectacularizado e desdensificado mundo das redes sociais e as súas fugaces e imperativas modas, concretado no imantador fenómeno influencer ou, para o caso, it girl. Si pero non. É certo que estas páxinas se abre a unha sutil crítica verbo dos excesos, tiranías e aínda letais perigos que este novo continente dixital encerra, pero non é menos notorio que Senlleiras pretende mergullarse noutras problemáticas de moi outro calado.


REPORT THIS AD

En realidade, é a lacra da violencia de xénero a que constitúe a cerna da mensaxe deste relato. Dous tempos, o pasado dos finais do XIX e principios do XX e o momento actual, serven como escenarios para o desenvolvemento de dúas historias paralelas, a de dúas mulleres atrapadas no casamento, con maridos feroces que rematan por exercer sobre elas un control extremo que, nunha imparable escalada de tensión, acabará en uxoricidio.

Imbricados nesta trama central figuran outros temas e asuntos igualmente interesantes, como a denuncia do clasismo, a revisión dos roles sociais, a importancia do acceso á formación e a lectura para a igualdade das persoas ou mesmo a cuestión da lingua e a cultura de noso nos seus alicerces históricos recentes.

Escrita cunha prosa solvente e eficaz, versátil nos seus rexistros e plural nas fórmulas e tipoloxías discursivas, Senlleiras beirea por veces a delgadeza monotonal na caracterización de certos personaxes e aproveita en exceso solucións que resultan lugares de tratamento sobexo, o que non impide que o conxunto resulte ben compensado e a novela gañe no progresar das páxinas cara a un final non por intuíble menos acaído.

Plausible estrea na narrativa longa para público adulto a de Antía Yáñez con estas súas Senlleiras, relato comprometido cunha causa de todo tempo e do noso tempo, unha cuestión palpitante que todas as persoas debemos axudar a superar e que moi ben espella esta notable novela.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES