Nín é o momento, nin sería certo se como me gustaría, presumìra de ser amigo de Manolo Regueiro. Non me deu tempo. Non me era descoñecido tal nome, xa que formaba parte do meu rexistro de galegos respectables polas súas obras, neste caso como un responsable que foi da normalización lingüistíca do idioma de noso. Pero, mercé á súa loable idea, xunto a Xulio Xiz, de honrar o Ano Antonio Fraguas permitíronme partillar do digno acontecemento a carón de Antonio Prado e Paco Martín.

Foron días de conversas compartindo suxerencias, ideas e lembranzas diversas, sempre admirativas, do señor da Insuela, distinguido pola Real Academia Galega; faladoiros nos que Manolo Regueiro en actitude de profesor de formación teolóxica e filosófica profundas, coa experiencia e a aptitude docente de seu, conducía o proxecto que naqueles intres o confortaba e ilusionaba.
Malia a súa delicada saúde, afrontada con discreción encomiable, contaxiaba compromiso por contribuir á celebración das Letras Galegas 2019 cún traballo de recordación e honra, tal foi a publicación Nove Anos de Antonio Fraguas en Lugo. Quédame a tristura pola desgraciada interrupción dun trato persoal que presaxiaba amizade. Pero, Manuel Regueiro Tenreiro, permanecerá na miña memoria como exemplo de entereza diante dunha fatídica doenza. Sit tibi terra levis.