Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Marquesa do Pampillal

lunes, 03 de junio de 2019
O Pampillal era unha rega á beira do río Navia de aproximadamente fanega e media. Era a despensa de herba verde para as catro vacas da casa de Grueira. O bisavó, Ramón, estivera tres anos en Cuba co fin de regresar con cartos abondo para mercarlla á Pepita de Bustelo.

Poderíase considerar a xoia da facenda dunha casa de labranza humilde das Pontes de Gatín.

Unha presa, augas arriba, desviaba un caudal de ouro líquido que ao longo dunha complexa rede de britas, facía vizoso aquel anaco de terra do val do Navia. Cada dous días ía Manolo co vagoroso Massey Fergusson e a gadaña a recoller o froito verde do Pampillal, e cando Lola non tiña escola, acompañábao. Encantáballe sentir como o aire xogaba co seu pelo louro e crecho cando ía sentada no ranqueante tractor descapotábel de seu pai. E unha vez alí, xogaba no bico dun rebolo, ao que se podía rubir facilmente dende o valo da finca. Manolo chamáballe Marquesa do Pampillal, e o vello rebolo facía de torre do imaxinario pazo da marquesa.

A vida seguiu e a infancia de Lola foi comesta polos anos. Atrás quedaron as tardes nas que a marquesa paseaba polos verdes xardíns do pazo recollendo margaridas para os exuberantes vasos de porcelana que un día lle agasallara un príncipe do oriente. Alá quedaran os longos paseos a cabalo do Pastor, o vello can de palleiro que con tanta fidelidade gardara a habenza da casa durante doce anos. Vivencias todas que foron sepultadas deseguida polas novas ambicións dunha mociña irrecoñecíbel.

Lola, que estudara a primaria e a ESO en Cervantes, e non en Becerreá polas caprichosas rutas do transporte escolar, estaba xa matriculada en segundo de bacharelato no IES da capital Ancaresa. Quedáballe pouco para abandonar o niño familiar, pero lonxe dos temores que a outros lles producían, ela estábao desexando. O seu carácter mudara moito durante o curso anterior. Os seus compañeiros cervantegos decidiran continuar os estudos fora da bisbarra e a soidade achegouna a Sara, á filla do recén chegado tenente da Garda Civil da vila. Procedía de Valladolid e pouco a pouco foi enchendo o maxín de Lola con serraduras de piñeiro.

Lola, “hablaba en castellano, un idioma más cosmopolita y moderno que el heredado a través de varias generaciones de su humilde familia”, preocupábase por non repetir roupa na mesma semana e que a combinación de cores fora a adecuada, era fiel seguidora de “OT” e da prensa do corazón da tardiña e soñaba con deixar atrás a súa etapa ancaresa para ir vivir a unha cidade como Compostela mentres estudaba xornalismo, a súa gran paixón. Morrera a Lola solermeira de antano que desfrutaba oíndo o himno do Pampillal, o cadencioso son da pedra de afiar contra a gadaña.

Lola coñecera a Víctor, o irmán de Sara, había un ano. Viñéraas buscar en coche á saída de clase un destes días de San Froilán en que a auga enchoupa ata a conciencia. Metro setenta de consistentes músculos coroados por un engomado pelo negro, producían no interior de Lola unhas sensacións ata entón descoñecidas. Conducía un Seat León vermello medio “tuneado” e aos seus dezanove anos acabados de cumprir só pensaba en entrar no corpo da Garda Civil coma antes fixeran seu pai e seu avó. Aquel día selou con Sara un contrato de amizade perenne.

Lola avergoñábase en certa medida da casa onde nacera. Era de planta terrea e aínda tiñan algunha corte para os xatos no interior. Os pais deixaran que Lola quedara a durmir no piso de Sara nalgún deses fins de semana especiais nos que saen de esmorga todos os estudantes da bisbarra. Dese xeito aforraban as molestias de erguerse a media noite para ir a recollela, ou de quedar a durmir no coche, agardando por ela. Ademais, que perigo podería ter Lola a carón da filla do tenente da Garda Civil de Becerreá? Para Lola, estas noites eran ocasións perfectas para estar preto dun Víctor que tiña outras preocupacións no plano sentimental.

Pero como era de esperar, Sara tamén insistiu en ir durmir á casa de Lola, e esta tivo que idear un plan de urxencia. Preto da súa casa había un chalé dun irmán de seu pai que vivía en Barcelona. Era unha casa pequena pero amoblada con todo luxo de detalles. A familia de Lola tiña a chave e eran os encargados de abrir as ventás para airear a casa nos días solleiros. Lola pediulle permiso ao tío e o día antes preparou a casa para que semellara que alí vivía habitualmente unha familia.

- E os teus pais? - Preguntou Sara ao ver a casa baleira.
- Levo un par de días vivindo practicamente soa. Meus pais están na casa dos avós, preto da ponte, porque anda a miña avoa maliña e ningún dos dous quixo abandonar o seu fogar e vir para aquí.
E dese xeito foi saíndo Lola do paso.
Pero chegou xuño e só ela conseguiu praza en xornalismo. A filla do tenente pucelano tivo que repetir outro ano no IES de Becerreá e pouco a pouco a distancia minguou a amizade. E empardeceron as follas do rebolo do Pampillal á vez que Lola foi perdendo as ganas por vivir.

Non sabía o que lle pasaba, pero o rostro macilento era o espello da súa alma durante os interminábeis paseos pola carballeira de Santa Susana. Compostela estaba linda no outono. Era a época do ano perfecta para os artistas de vida errante.

Unha fin de semana de novembro, Manolo, consciente do abatemento que envolvía a súa filla, pregoulle que o acompañara a por herba ao Pampillal. Había anos que non lle pedira nada co fin de que se preocupara só polos estudos. Alí foi Lola coma outrora sentada no asento do lado esquerdo do tractor. Ao chegar, sentou nunha lousa á carón do rebolo; a herba estaba alta e húmida e unha fraga de fentos pegada ao valo protexía dous ramos de cogomelos das olladas dos curiosos. Cantos anos había que non observara a beleza daquela paisaxe! As árbores encheran de infinitas tonalidades de marróns as fragas centenarias do val e envolvían o ambiente nun aroma bucólico.

Unha música coñecida fixo que se erguera dun chimpo. Sentiu un formigo no corpo que se foi convertendo nun estraño tremelicar. Notou como as dedas dos pés crebaban a sola dos Nike para fenderse no chan e como a pel tornaba áspera e se acastañaba paseniño. Percibiu como os dedos se alongaban e brotaban follas verdes e como finalmente agromaba da súa boca un reiseñor que cantou ata morrer. O vento detívose para admirar o milagre e unha calma pertinaz invadiu a contorna.

FICHA TÉCNICA
Idioma: galego.
Xénero: narrativo (relato).
Público:xuvenil-adulto.
Ano creación: 2006.
Publicación:inédito.
Outros:segundo Premio de narrativa no “Certame pictórico-literario Día das Letras Galegas” na categoría de adultos, organizado polo Concello de Becerreá no 2006.
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES