Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eses funerais alienantes da nosa terra

martes, 04 de junio de 2019
Hai só un par de días remitín un correo conxunto a persoas amigas ou coñecidas no que baixo o lema ou asunto de “descansar en paz” lles comentaba –de xeito apresurado e non pouco dorido- o seguinte:

“Benquerida/o: Veño xustamente agora de participar nos funerais dun meu amigo defunto, que morrera hai uns días e nacera á beira mesma do antigo colexio dos xesuítas da Guarda (en Pontevedra). Con el compartira ledo na nosa propia lingua, a galega, moitos e felices momentos. Os funerais celebráronse na igrexa dunha parroquia de Vigo, adobiados naturalmente con deliciosas oracións e cantos en castelán... A miña petición a ti é só esta (e rógoche que corras a voz...): Xa que ando na década dos oitenta da miña vida e o meu morrer non pode retrasarse xa moito, fai o que poidas, no que de ti dependa, por que estes actos se desenvolvan -no caso de eu morrer ou me enterraren en Galicia- na lingua propia do país, o galego. Do contrario, temo que non vaia acougar ben en paz no misterioso alén deste mundo.... Saúde e Terra! E unha aperta. Manuel”.

Fíxeno, como digo, a correr e sen pensalo moito, buscando consolo e quizais explicacións entre os amigos para que o meu desgusto e enfado se baleirase do peito no posíbel. Pois a verdade é que non me resulta doado comprender como é posíbel que a estas alturas a nosa lingua galega, a única “propia” deste país noso, continúe a estar silenciada, discriminada e sometida a ditados foráneos, xustamente ademais nuns momentos como os do pasamento dunha persoa familiar ou amiga nos que semella que ela debería facerse especialmente presente.

Polo que se ve, vai resultar que a nosa Igrexa tampouco é “nosa”, para facermos uso aquí do “A nosa Terra non é nosa, rapaces” de Castelao. Un empeza xa case a sentir só noxo e fastío perante tantos (e tan estendidos no tempo) intentos colonizadores da nosa cultura e da nosa lingua!

Pois ben, esa miña misiva ós amigos coido que algúns deles a entenderon en certo modo (aínda que tampouco lles faltaba razón para iso) como unha especie de súplica persoal e particular de que eles, chegado o meu tempo, me liberasen de ser inhumado entre cancións e alocucións que eu considero alleas á miña propia lingua e cultura. É, si, verdade naturalmente ser ese o meu querer, mais o quid do problema reside porén na súa faciana social ou comunitaria. Pois as culturas e as súas linguas non son unha ocorrencia particular senón unha creación colectiva ou popular, que se estende desde antigos tempos ata a actualidade e con obvia vontade de permanencia e futuro. Neste sentido, os intentos (explícitos ou soterrados), por parte de intereses alleos, de frear ou romper esta interna dinámica das linguas e culturas son verdadeiros atentados contra cantos nacen nelas ou se identifican coas mesmas.

Hai que dicir que polo menos desde o concilio Vaticano II a Igrexa empezou a se facer consciente da relevancia das linguas e culturas no anuncio do evanxeo. Mais ocorre que, en anómalo e rechamante contraste coa Igrexa vasca ou catalá, a Igrexa galega precisa aínda aprender a se inserir decididamente na lingua e cultura do país, se quere ser fiel –como se supón que debería- tanto ó mencionado concilio como ás disposicións do case esquecido Concilio Pastoral de Galicia dos anos posteriores ó Concilio Vaticano II, tal e como teño indicado en diversos escritos. De iso non ser así, podería chegar a converterse en fáctica correa de transmisión de intereses imperialistas alleos ó evanxeo, por moito que isto se lle oculte.

Unha vez dito isto, coido que ó lector destas liñas lle podería interesar coñecer non só este meu particular modo de pensar, senón tamén os comentarios dalgúns polo menos dos que amabelmente mos quixeron facer chegar sobre o contido do meu mencionado correo conxunto, aínda que obviamente sen pola miña parte indicar a autoría dos mesmos.

Velaquí van, pois, seguidamente, algúns deses textos:

- “Acabo de recibir a túa mensaxe (de pena!). Sinto moito o que me dis … e concordo contigo … Todo isto cabréame bastante … Qué pena!”.

- “Sinto ben o acontecido, que forma parte dun dos nosos particulares dramas, e non pequeno”.

- “Eu non teño autoridade ningunha neste terreo do uso da lingua galega na liturxia. Teño a experiencia negativa de que cando foron nesa os funerais polo fillo de Avelino, Mario, a misa non só foi en castelán, senón que cando Avelino Pousa Antelo pediu que fose en galego non lle fixeron caso algún. Suxíroche que sobre este tema publiques un artigo e que sexa no maior número posible de xornais, revistas ou medios dixitais”.

- “Xa hai anos que Pepe Chao fomentou a sinatura do documento GALEGOS DE POR VIDA ante notario. A primeira sinatura foi en San Domingos de Bonaval, e o notario foi o fillo de Álvaro Cunqueiro, César. O acto repetiuse en varias localidades do país. Non estaría de máis reproducilo en Vigo [...] Lembro que Neira Vilas deixou escrito que o seu funeral fora presidido por Alfonso Blanco Torrado de Guitiriz, apareceu o bispo de Vigo con pretensións... e tivo que achantar!”

- “Fomos moitos e moitas os que expresamos ese mesmo desexo ante notario e xa hai ben anos, a pesar tamén dos cumprimentos notariais e de distintas mandas testamentarias. Como dicía o noso Antón Fraguas, os inimigos de Galicia e do Galego seguen a se moitos e están agachados nas sombras do poder”.

- “Ben sei da túa teima e compréndoa. Eu tamén estaba alí, nos funerais [...] No que de min dependa, farei o que poida por que eses alonxados actos se desenvolvan na lingua propia do noso berce”.

- “Milleiros de galegos fixemos unha declaración notarial, pública e solemne, do mesmo que ti dis. E de que, se por circunstancias agora imprevisibles, non puidese ser, que quen coñeza ese documento notarial esixa que se faga todo en silencio. Foi a campaña "Galegos de por vida", que tivo como primeiro escenario o Panteón de galegos Ilustres en Bonaval, pero que se levou a cabo en moitas cidades e vilas [...] Mesmo fixemos un libriño de modelos de esquelas e lápidas en galego, que tivo moita difusión e teñen tódalas funerarias de Galicia. Eu fun testemuña da primeira vez que houbo que facer valer ese documento e o párroco, accedeu a que buscásemos outro sacerdote. Ó día seguinte, na parroquia do lado, o sacerdote velliño de 90 anos dixo que el nunca misara en galego pero que estaría no altar con outro sacerdote que nós buscásemos. E así o fixo e ó final confesoume que el, nos primeiros anos, fixera versos en galego pero que á liturxia en galego nunca chegara. Así que algo fixemos mal nós tamén neste asunto”.

- “É triste que en moitos funerais de Lugo (o último, o do cóengo Manuel Castiñeiras) só a miña oración de defuntos fose en galego. Na maioría dos casos, nin iso”.

E máis nada...
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES