Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 31 de mayo de 2019
Matando a espera

Hai que matar a espera. Co que sexa. Por exemplo, escribindo. Tomando un café nunha terraza. Vendo pasar a xente. Ver pasar a xente entretén moito. Os coches tamén entreteñen, pero son máis molestos: meten ruído. O café xa o tomei. En tres tragos ou sorbos xustos. Nunha cadeira teño o libro que acabo de coller en préstamo na biblioteca. Á miña dereita anda unha pomba na busca de migallas de bica ou de magdalenas. Sobre a mesa, un móbil de cor negra. Hai que matar a espera de que abra a panadaría. Teño que coller dúas barras de pan. Á forza, ademais. Porque un servidor sen pan non sabe comer; nin tan sequera con patacas. Televisión proxectando imaxes e máis imaxes pero sen voz. Mente que pensa nas eleccións. Tan só foi un lóstrego de pensamento. Porque xa hai moito tempo (desde que teño uso de razón) que sei a quen botarei. Non preciso mitins nin coloquios nin entrevistas nin pasquins nin debates nin rabo de gaitas. É que son moi listo. Hai que matar a espera. Que cada vez xa é menos. Menos tempo, claro. Menos tempo que queda. A pomba segue na procura de migallas. Xa remato. Agora vou quedar un cachiño contemplando a vida pasar. Cómo se pasa la vida, cómo se viene la muerte tan callando... É un dicir; porque eu tarde morro.

A fonte da lameira

Hai uns días, dando un paseo polo meu barrio en Baños de Molgas, e vendo o carreiro que levaba á fonte da Lameira, déuseme por achegarme a vela. Pero co corazón nun puño. Porque levaba trinta anos ou máis sen ir a esa fonte. Unha fonte á que, na infancia e xuventude, ía practicamente a diario. Na infancia era máis ben para buscar auga para beber, porque era fresquiña e porque quedaba máis cerca que a fonte do Muíño. Na xuventude, aínda que de cando en vez, principalmente no verán, seguiamos colléndoa para beber, xa usabamos a da fonte que se fixo na Aira de Arriba, que viña, por certo, da fonte de Ligo, moi preto de Bouzas. Pero aínda así, eu seguía collendo auga na fonte da Lameira porque, a uns cincuenta metros tiña unha finquiña bastante estreita, pero suficientemente extensa como para facerme realizar varias viaxes con cubos para coller auga e regar os produtos hortícolas. Mais desde que deixamos de traballar ese terreo, xa non volvín a poñer os pés por alí. Non obstante, atinei perfectamente dela, porque a verdade é que non ten perda; simplemente hai que seguir o carreiriño. Sempre lembrarei as píntegas ou salamántigas que estaban no fondo. Din que onde están estas, hai boa auga. A fonte da Lameira tiña e ten unha moi boa auga.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania