Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Comercios con encanto e máis cousas

lunes, 27 de mayo de 2019
Hai comercios que queremos que duren moito, que pasen por eles xeracións e xeracións. Comercios dos que nos sentimos fachendosas por estar na cidade que compartimos. Comercios que fan máis que ofertar bos produtos.

Un deles é Couceiro, a libraría que cumpriu 50 anos hai uns días e que máis alá de vender libros galegos convertiuse nun centro de cultura. Outro (moi próximo a este) é Acivro Xoias, a só uns pasos. Unha xoiería na que podemos atopar pezas marabillosas, cun selo propio, unha maneira meritoria de facerse recoñecible. Á cabeza, unha muller activa e presente en moitos dos actos culturais e feministas que se realizan na cidade, de forma que a súa imaxe é unha garantía de que estamos no lugar axeitado.

Moitos e moitas de nós paramos diante do seu escaparate porque sempre vale a pena facelo. Unha e outra vez atoparemos xoias orixinais, que moitas veces semellan boas evolucións do tradicional e noutras suxiren o desenvolvemento da mellor xoiería que vai máis alá de modas e estilos. Ademais, hai outra razón para pararse aí, ao pé, porque nesa fiestra (que é o ollo que nos mostra e nos convida a entrar no interior) acostuman facerse homenaxes a artistas de todo tipo aos que esta muller quere visibilizar. Fíxoo con Miguelanxo Prado (o Premio Nacional de Ilustración) con Toni Seijas (o ilustrador e pintor que pasou a célebre novela Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz a cómic), con Teresa Moure (a escritora multipremiada que abordou case todos os xéneros na literatura de adultos e fixo algunha incursión na infantil e xuvenil) e está a facelo coa actriz Pilar Pereira. No escaparate aparecen neste momento os premios recibidos polo traballo nos escenarios, os obxectos que lembran momentos especiais da súa carreira, as fotografías representativas (como aquela na que aparece
acompañada polo cantautor Paco Ibáñez no campo de aviación dun aeroporto)...

Esta é unha tenda que acolle, un comercio que mira aos personaxes que forman parte da vida cultural teñan ou non relación co que alí se vende; un establecemento inclusivo: aberto a outras artesanías e artes, atento a xuntar, a incorporar oficios e manufacturas, natureza e cidade, vida cultural e arquitectura. A suma e a interdisciplinariedade son as súas querencias. Nas redes sociais pode verse como leva as súas xoias á rúa e trae persoas e obxectos representativos de diferentes ámbitos á súa xoiería, así, a música e a literatura son irmás que viven na casa e, da mesma maneira, dálle voz e imaxe a moitos outros, compartindo espazo e protagonismo. A natureza, a pedra e os obxectos cotiáns fanse presentes entre as xoias, e con eles carteis con afirmacións como “Todos somos xoias” ou “A nosa lingua: a nosa xoia”. A nada teme e pode xuntar os play móbil coas leiteiriñas ou as vacas nese xogo multitemporal, fusionar a agresiva arte urbana ou a artesanía máis basta coas máis delicadas xoias que se pousan sobre un cesto de pimentos de Padrón ou se apoian na fachada da catedral, reunir os Tintíns da infancia coas lousas que pisamos cada día; xuntar as pezas co tempo no entroido ou o samaín, coas presentacións de libros ou as inauguración de exposicións, con efemérides e concertos ou levar as xoias a viaxar polo mundo e presentarnos as fotos que demostran ese percorrido máis alá do país.

Por que o conto?

Porque eses comercios son necesarios en todas as vilas e cidades, pero aínda máis en Compostela que está saturada de mal comercio, pensado para un turismo que non merece a rosa mística de pedra, como foi chamada por Valle Inclán. Tamén o conto para que o exemplo renda e se estenda, para que nos sintamos atados ao noso comercio de barrio, de aldea ou de cidade por eses lazos compartidos, por esa cultura que erguemos entre todos e todas no día a día.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES