Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O regreso das anduriñas

lunes, 27 de mayo de 2019
Cando decidín arranxar a casa dos meus avós maternos nos Quintairos de Amoroce e comecei a frecuentar visitas que dende mozo non frecuentaba, a aquela ruína na que nin sequera se podía durmir no verán porque non había as máis mínimas condicións de habitabilidade para elo, a travesa do corredor que sostiña o tellado estaba ateigada deses tan característicos niños de anduriña.

Daquela -vai para 13 anos- as subidas á Lama, que así é como se chama o barrio da aldea na que vivo, volvéronse cada vez máis intensas co fin de estudar de que xeito podía acometer o proxecto reconstructivo . É dicir, onde iría a cociña, onde situaría o escritorio, onde o salón da televisión e de que xeito distribuiriamos as habitacións para reaproveitar mellor o espazo, tanto no andar superior coma nas vellas cortes das vacas.

As anduriñas, daquela, formaban parte da escenografía do silencio que tiña ido pousando paseniñamente, coma o po por riba dos mobles, sobre o vello predio da aldea, dende que meus pais e meu avó -a miña avoa xa non estaba- decidiran baixar vivir á vila, onde meu pai mandara construír unha nova vivenda.

Tiña eu, entón, uns oito anos recén cumpridos e malia que a primeira parte da miña vida xa transcorrera na vila, onde nacera, os meus primeiros recordos estaban ligados á viva memoria da aldea. Precisamente, ás anduriñas e ás lavandeiras, que voaban sen parar de aquí para acolá cando os veciños enchían as pozas para regaren as hortas e o millo.

Ás anduriñas, ás lavandeiras e ó cabalo branco que tiñamos na casa e que tamén baixou cada nós, ata que meu pai decidiu prescindir del, para grande magoa de todos, porque na vila xa non era necesario.

Logo de planificar e planificar, de acordos e trasacordos familiares, de solicitudes de permisos e hipotecas, como queda xa rexistrado hai algo máis de 13 anos comezamos as obras de restauración, empezando polo principio, é dicir, por baleirar o interior do edificio e tamén o corredor completamente podre.

Loxicamente as anduriñas abandonaron os seus niños e no próximo verán xa non utilizaron os mesmos lugares para asentaren as novas roladas. E non só iso, senón que pouco a pouco, case sen decatármonos, foron desaparecendo dos nosos estíos.

Ata estes días nos que, con grande sorpresa e alegría para todos, comezamos a ver as súas zoadas polos nosos ceos, tamén sen sabermos por que nin de que xeito volveron.

Hoxe -onte para vostede- lin o titular de apertura do xornal ("Leyes y nuevas medidas para relanzar el rural dan sus primeros pasos") e, non me diga por que, quixen facer asociación de ideas e poñerme un pouco literario. Ogallá o regreso das anduriñas sexa un presaxio do que di o xornal e acaben traendo con elas a consolidación da boa nova.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES