Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enciclopedia lingüística

sábado, 25 de mayo de 2019
Lin con fruición A História das Línguas do profesor e lingüista sueco Tore Janson, un volume publicado orixinalmente en inglés pola Oxford University Press que agora chega a Galicia traducido por Fernando Vasquez Corredoira para Através Editora.

Tore Janson foi durante anos docente na Universidade de Goteburgo, onde se especializou na historia do latín e nas linguas africanas. O seu vasto coñecemento do pasado e o presente dos máis variados grupos lingüísticos levouno a asinar libros como Speak: A Short History of Languages (2002) e A Natural History of Latin (2004), volumes que en pouco tempo se converteron en auténticos supervendas.

Non menos engaiolante resulta A História das Línguas, un manual que, como advirte o prologuista da presente edición, o profesor da Universidade de Porto João Veloso, “pela informação que nos traz, pelas perguntas que nos suscita, pelas portas que nos abre, por não adotar uma mas varias perspectivas complementares acerca da linguagem e das línguas (fundindo pasado e presente, biologia e cultura, oralidade e escrita, o ser humano e os seus objectos), é um magnífico exemplo dessa forma de olhar o infinitamente grande e o infinitamente pequeno”.

Dividido en seis grandes bloques, o libro conxuga aproximacións sociolingüísticas, da lingüística histórica e, particularmente, da tipoloxía lingüística. Secasí, a amplitude no enfoque, as referencias etnolingüísticas, antropolóxicas e filolóxicas son tantas e tan vastas que fan desta obra unha “verdadeira enciclopédia linguística”.

Comezan estas páxinas tratando as orixes da linguaxe nos homínidos, recuando dous millóns de anos atrás e xogando con hipóteses reconstrutivas plausibles que nos achegan a como, cando e onde puideron xurdir as primeiras linguas ágrafas entre as sociedades de cazadores-recolectores.

Faise logo un detido repaso polos principais grupos lingüísticos próximos: o xermánico, o eslavo e o románico, tamén os seus antecedentes nas linguas indoeuropeas e, fóra xa do marco europeo, os idiomas bantas africanos.

A seguir trázase unha documentada síntese do nacemento e constitución das dúas culturas lingüísticas de referencia máis antigas e sólidas aínda con proxección actual: o exipcio en Occidente e o chinés en Oriente, visións que se completan cunha demorada revisitación da nacenza e progreso do grego, o latín e o árabe.

Ben interesante é tamén o capítulo dedicado á conformación do italiano e o inglés, moi significadamente na relectura que Janson fai do papel de Dante e dos tempos do Old English.

Agora ben, para un lector actual han ser tan ou máis suxestivas as reflexións que neste libro se verten sobre os conceptos de linguas nacionais, a relación de Estado, escola e linguas, as realidades do idioma e a política, as linguas en concorrencia, os crioulos ou os procesos de substitución lingüística.

A admirable sapiencia de Janson achega a maiores información prolixa verbo da historia do español e o portugués, tanto nas súas orixes peninsulares coma na súa expansión transatlántica, pero, sobre todo, faise luminosa no cuestionamento do papel actual do inglés a nivel planetario e do rol que o chinés ten como alternativa ao seu avance como lingua franca.

O libro remata cun capítulo de prognose panlingüística especulando o que pode acontecer cos idiomas a nivel mundial no escenario de douscentos, dous mil e dous millóns de anos vista.

Espléndido manual A História das Línguas de Tore Janson, máis de tres centos de páxinas cheas de mapas, figuras e tabelas ás que se dá cabo cunha completa cronoloxía e bibliografía, amais dun índice de temas tratados. Unha obra que debería ser de lectura obrigatoria nas facultades de estudos lingüísticos e humanísticos e que moito recomendo a todas as persoas que queiran profundar no coñecemento do pasado e o presente do homo loquens que somos para entender mellor cara a onde parece que camiñamos no falar dos tempos que han de vir.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES