Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falemos da dignidade

viernes, 24 de mayo de 2019
Creo que non deberían ser sorprendentes neste escenario público algunhas referencias á dignidade humana, tan aldraxada por algunhas persoas, e tan esquecida doutras, nesta nosa sociedade, na que aínda quedan lembranzas das dignidades consideradas como privilexios duns poucos, que nos obriga a facer unha distinción: Non é o mesmo a dignidade humana como unha propiedade da condición do home/da muller, que poderíamos chamar constitutiva, que a dignidade acadada no ámbito socio–cultural, facendo un bo uso da liberdade nos máis diversos comportamentos, evitando degradar a nosa realidade persoal.

A primeira clase de dignidade é intrínseca á natureza humana, e, se o prefiren, á condición humana; é inviolable e inalterable, calquera que sexa a cualificación ética que posúa a acadada, a conquistada, na realización persoal no ámbito socio –cultural, porque aquela posúe a propiedade de ser fundamento xustificativo desta e ten unha función canónica respecto a ela: Non podería a persoa humana investirse de algunha dignidade no seu comportamento, se non a tivera potencialmente esixida pola dimensión ética da realidade persoal, con parámetros que delimitan as canles polas que flúe a súa realización perfectiva.

Zubiri fai unha distinción que me parece que é importante para situar no seu lugar ambas dignidades, a constitutiva e a adquirida socialmente. Distingue entre “personeidade”, considerada como conxunto de elementos propios da especie humana, é dicir, radicada no nivel filoxenético, e a “personalidade”, no ontolóxico, como forma individual que se da en cada ser humano ao realizarse libremente, non solitariamente, senón cos demais da especie, dentro do entorno social e histórico. A personeidade comporta dignidade constitutiva; a personalidade, adquirida.

En todo caso, unha visión do home/da muller non podería levarse a cabo se non se complementaran ambas dignidades, posto que o ser humano – con bioloxía, psique e sociedade – é un sistema estrutural que consta de dous subsistemas: corpóreo (orgánico) e psíquico, aínda que isto non implica entendelo de forma dualista, senón unitaria, o que explica a necesidade da integración de ambas formas de dignidade: Somos corporalmente psíquicos e psiquicamente corporais. E trátase dun sistema estrutural aberto, que é precisamente o que nos diferenza dos animais irracionais, singularizándonos, dotándonos de “autoconsciencia” e de liberdade.

Comprendo que non é nada fácil adoptar nesta temática unha postura crítica sen xerar a sensación de estar arrogándose unha autoridade que non se posúe; pero, polo menos, permitan emitir unha opinión desde a época que nos tocou vivir, dentro da que debemos mutuamente disculparnos de que cada un de nosoutros, incluido o articulista, por suposto, o que menos coñecemos é a nosoutros mesmos. Recordemos a inscrición no templo de Apolo, en Delfos: “Coñécete a ti mesmo”.

Pero tamén encontramos testemuñas suficientes para pensar que a dignidade conquistada é froito dunha loita contra moitos atrancos no seo da mesma sociedade, como son os secuestros, as violencias domésticas, as violacións – incluso en manada –, os dereitos conculcados, a linguaxe groseira, os asasinatos, todo tipo de corruptelas, as actitudes ególatras, etc., que, por contraste, resaltan as condutas eloxiables, sen dúbida.

Si…, perdemos o coñecemento suficientemente concienciado do valor e dignidade, non só dos nosos semellantes, caendo en actitudes irrespectuosas, senón, tamén, o da nosa condición de seres necesitados de investirnos de valores fundamentais para unha realización persoal perfectiva, dentro das canles canónicas da dinámica potenciada na nosa estrutura bio–psíquica–social–cultural.

A dignidade constitutiva abre o camiño á conquistada, facilitando a realización das posibilidades que lle ofrece a sociedade no decurso da vida, evitando que nos desleixemos no que XA SOMOS, cando estamos imperados a ir á conquista do que AÍNDA PODEMOS SER. E xa o dicían os clásicos: O OBRAR SEGUE AO SER, E ASÍ COMO É O MODO DO SER, ASÍ DEBE SER O DO OBRAR. Non esquezamos, pois, que só alcanzamos maiores cotas de perfección persoal mediante o exercicio das nosas capacidades.

Isto debería ser un aliciente para coñecer ben o dinamismo que nos conduce a un progresivo perfeccionamento da dignidade, lembrando que toda actividade, todo comportamento, debe ser potenciado por unha vontade indiscutiblemente deliberada e apoiada naquelas estruturas que a fan posible, infundíndolle unha humanidade derivada do feito de que a persoa sempre está relacionada socialmente, o que comporta considerar dous itinerarios complementarios: o da personeidade e o da personalidade, pola condición persoal e social, ao mesmo tempo, do home e da muller.

Pero todo o dito hai que contextualizalo, xa que as ansias de evolución e desenrolo, que se advirte na cultura dos nosos tempos, quedarían defraudadas se a liberdade humana non se canalizara cara a unha conciencia dun humanismo integral, que actualice unha auténtica dignidade humana, barutando
coidadosamente o que puidera ocorrer con certas orientacións que desemboquen nun post- / trans-humanismo, atacando drasticamente a dignidade constitutiva: Se nos enfrontamos a realidade desde unha única perspectiva, ameazamos a nosa integridade persoal e caemos nalgún tipo de reducionismo.

Sen dúbida, “hai que contextualizar”; pero non para entregarse sen crítica ao ámbito contextual, aceptando as trivialidades que emerxen nel, porque defender a dignidade da persoa humana é incompatible coa aplicación inadecuada dunha diversidade de poderes pasionais bastardos sobre a complexidade dunha vida dotada dun certo sentido ético e racional. ¡Que ben o sintetiza o coñecido filósofo Hans Jonas, no seu libro “Técnica, medicina e ética”, nestes termos!!: “Se existir é un imperativo categórico para a humanidade, todo xogo suicida con esta existencia está categoricamente prohibido, e haberá que excluír de antemán os desafíos técnicos nos que remotamente sexa esa a aposta”.

Diferente a como opinen algúns lectores, e para terminar, quixera soster que aquí hai unha esixencia dunha praxe, non unha mera exposición teórica. Algunhas condolencias polo pasamento de D. Alfredo Pérez Rubalcaba poden servirnos de exemplos que evidenciaron, non só a DIGNIDADE dun home dotado dun gran talento, reflectido na praxe política, ética e esteticamente, nada común nos nosos tempos, contrastando coa INDIGNIDADE na que caeron os que aproveitaron a ocasión para eloxiar con ademáns de vergonzosa hipocrisía o seu facer de excelente estadista, ao mesmo tempo que se esforzaban en ocultar, uns instantes, as súas discrepancias con el, vividas con máis incompetencia que acerto, propias da arrogancia dun saber carente de experiencias e sobrado de egolatría: Nunca D. Alfredo caería no ridículo de apuntar con matices decisivos as presidencias do Senado e do Congreso, asumindo funcións que corresponden aos parlamentarios elixidos polo pobo!!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES