Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 22 de mayo de 2019
A estrutura de dous marcos

Son as doce e media da noite e teño ganas de importunar. Quero analizar a estrutura dun marco sobre a marxe esquerda da leira de Zaqueo Ostras Embrose, a que Pingas de Orballolinda coa horta de Xacinta Flor Piolla. O marco, segundo os datos que proceden duns papeis que ten O Sacho, é dicir, Zaqueo, é de granito puro duns 90 centímetros, dos que 40 (centímetro arriba, centímetro abaixo) están enterrados. E se tiramos unha corda (hoxe en día podemos dicir e usar unha cinta métrica), en liña recta e cunha lonxitude duns 50 metros, deberiamos de atoparnos con outro marco, que este lindaría co lameiro do Fulgencio, O Encendido, ó que ningún veciño da vila coñece porque de cativo marchou para Cuba (ou a Arxentina, a xente xa non lembra) ós poucos meses de nacer. Pero no catastro así constan os datos do propietario desa finca. E todos sabemos que as cousas do catastro son sagradas, incluso á unha menos cuarto da noite. Agora se analizo a estrutura deste marco, observo que non ten nada que ver co anterior (digo eu que será pola antigüidade), pois este é case un penedo rematado en punta que sobresae da terra tan só uns poucos centímetros, pero suficientes para velo. Polo demais, a ver quen é o chulo que move esa mole.

Toca dobre sesión

Hoxe toca sesión nocturna dobre de cine. É domingo. Todos os domingos adoitan deitarse sobre os meus miolos dúas películas; se é que merecen algo a pena. Algunhas veces, nin aínda que as busque coma agullas nos palleiros, aparecen. Ultimamente, as teles, todas as teles, acostuman a repetir unha e mil veces as mesmas películas. Repítenas tanto que incluso eu me sulfuro. Cando eu, precisamente eu, vexo as longametraxes unha e outra vez. Agora mesmo vou ver dúas que xa vin varias veces. E non me importa; porque case non me acordo para nada do que vin. Isto ten unha explicación: lembro que antigamente, de rapaz, cando vía unha película tirábame horas ou días pensando nela. Agora, cando vexo unha película, no momento de que remata xa estou pensando noutras cousas, cando levanto a butaca do cine deixo que os personaxes, as escenas e os protagonistas se vaian á cama como me marcho eu. Por iso hoxe os meus rapaces se asombran de que non lembre tal ou cal secuencia que vimos, por exemplo, o outro día no cine. A eles pásalles o que me pasaba a min: que durante un tempiño viven por e para o filme que acabaron de ver. Pero a idade, ai a idade, esta vainos axustando ó seu ritmo, que, para certas cousas, avanza a gran velocidade. Vou coa primeira sesión.

Por 97 metros!

Se esbardallo ou se badúo aquí sobre certas noticias, algúns ata poden pensar que me saio de nai. Pero se les que unha nai ten que transportar á súa filla nunha carretilla para que chegue ata o colexio porque o autobús, por 97 metros, non pode desviarse da ruta, xa me diredes se pode un laretar ou non. É tan denigrante o asunto que cheguei a pensar se non sería un bulo, unha trola dalgún xornal para chamar a atención. Pero días máis tarde, asomou en máis xornais e iso xa acabou por me rematar. Por 97 metros! Nin tan sequera polos famosos 100 metros lisos. Á Xunta debería caerlle a cara de vergonza (claro que a vergonza política hoxe en día...). Por certo, aínda que se negase a compañía transportista, por exemplo, tiña que contratar a Usaín Bolt para eses 97 Pingas de Orballometros. Deprimente. Tétrico. Por 97 metros! E se ó mesmo tempo se che dá por pensar neses coches que se poñen a disposición de catro pasmóns, de catro apaiolados que pensan que nos representan ou nesas axudas de custo que cobran por ir de aquí para alá cortando cintas ou pondo primeiras pedras en inauguracións, digo que se pensas nisto, a ver, quen non esbardalla, quen non latrica, quen non badúa, quen non desexa crucificalos, carallo, falando claro. Por 97 metros! Que triste! Canta carraxe!

Así é que...

Case tres horas para fochicar no ordenador. Porque hoxe non teño ningunha película ata as doce da noite. Tantas canles, tantas canles e nada de nada. E se hai algunha película ás dez ou dez e pico é desas que xa levo visto centos de veces. Asómbrame as veces que as repiten. Así é que, non queda outra que dicir que fóra choveu e está de chuvia, que onte houbo un sol de carallo e que Galicia é única, climatoloxicamente falando, pois incluso hai veces que, no mesmo día, pasamos por catro ou cinco condicións climáticas. Díxeno sempre: vivimos nun lugar privilexiado. Así é que, aínda estou alucinado co asunto do futbolista Ivan Rakitic, que, o pobre, logo de caer eliminado polo Liverpool, marchou de rexouba a Sevilla. Pobre!; tivo que gardar loito. Coma se el fora o culpable da eliminación. Mañá mesmo, todos os xogadores do Huesca, do Raio Vallecano e do Xirona castigados durante meses porque os seus equipos baixaron de categoría. Imaxino no verán o recibimento a David Ferreiro en Baños de Molgas porque o carallán deixou baixar ó Huesca; é que non pasa do barrio da Estación! Recibímolo a paus; con aixadas, sachos e forquitas se fai falta. Así é que, non me queda outra que dicir que, en certos momentos, somos uns auténticos panocos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES