Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antonio Fraguas e a escrita literaria

miércoles, 22 de mayo de 2019
Antonio Fraguas foi un intelectual cun amplísimo abano de saberes que ían dende a Historia ata a Antropoloxía pasando pola Xeografía, a Paleografía ou a Etnografía. Esta capacidade polifacética tamén brillou, ben que máis ocasionalmente, no eido do Antonio Fraguas e a escrita literariaensaísmo de tema literario galego, no que lle debemos algúns traballos de innegable valía.

Se un fatiga as páxinas dos nosos xornais e revistas especializadas de Preguerra e Posguerra, do tempo da Transición e da fin do século pasado verá que Fraguas foi deitando, aquí e acolá, textos nos que se ocupou de figuras senlleiras das nosas letras ou da nosa escrita de tradición oral. Textos aos que logo sumou opúsculos e monografías breves sobre asuntos determinados.

Entre estes últimos cómpre destacar Aquilino Iglesia Alvariño. Vida e obra. Escolma de textos (1986), estudo e selecta de quen fora bo amigo seu en vida e que deu a coñecer no ano no que se lle dedicara o Día das Letras Galegas, como agora se fai con el.

Canto aos artigos sobre persoeiros da nosa escrita debe lembrarse que se ocupou de autores do XVIIII como Frei Martín Sarmiento, de (pre)rrexurdimentistas como Nicomedes Pastor Díaz, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Manuel Murguía, de comezos do XX como o bispo Manuel Lago González ou Ramón Cabanillas e de coetáneos seus como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Florentino Cuevillas, Antón Losada Diéguez, Francisca Herrera Garrido, Fermín Bouza Brey, Ánxel Fole ou Celso Emilio Ferreiro, entre moitos outros.

Alén diso, Fraguas foi tamén un sobresaínte estudoso da literatura galega de transmisión oral e a el debemos numerosas recolleitas e estudos, entre as que non poden deixar de se citar Literatura oral en Galicia (1980), Literatura popular gallega. En torno al casamiento, embarazo y parto (1976), Dous romances de Galicia (1946), Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade (1985), La virgen en el cancionero popular gallego (1960), Algunas cantigas del mar (1979) ou Lenda e poesía popular nas nosas rías, no noso mar (1998).


REPORT THIS AD

Doutra parte, debe salientarse que, aínda que de xeito moi esporádico, Fraguas tamén realizou incursións no ámbito da propia ficción literaria. Velaí os están, poño por caso, algúns relatos publicados na Preguerra na revista pontevedresa Cristal (1932) ou na santiaguesa Universitarios (onde aparece en 1933 o seu conto “O Pazo”) ou, xa na Posguerra, na tamén compostelá Xelmírez. Agora ben, o título de referencia neste eido é sen dúbida O conto de Serafín, narración que vira a luz en 1993 formando parte da colección Contos do Castromil que a coñecida empresa galega de autobuses ideou como agasallo para os seus clientes e que se fixo moi popular no seu tempo.

Neste Día das Letras 2019 dedicado a Antonio Fraguas faise necesario contemplar, en toda a súa extensión, a grandeza do persoeiro que homenaxeamos e, se ben é certo que no sabio de Cotobade temos primeiro que nada un etnógrafo, historiador e xeógrafo, tamén o é que houbo de sempre nel unha querenza pola nosa escrita literaria, que non deixou de agromar puntualmente para nos amosar o seu talento nas lides máis creativas.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES