Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fotografía lucense no século XIX

martes, 21 de mayo de 2019
No mesmo ano de 1839 en que foi presentado en París o sistema fotográfico de Niepce e Daguerre, xa se fixeron, primeiro en Barcelona e logo en Madrid, os primeiros daguerrotipos en España, e nese mesmo ano publícase en castelán o manual editado por Daguerre en París, estendéndose o novo procedemento fotográfico a continuación por Valencia e posteriormente polo resto do país. Unha das primeiras cidades de Galicia ás que chegou o novo procedemento foi A Coruña.

Ao falar dos fotógrafos que traballaron no século XIX, en xeral, atopámonos con varios A fotografía lucense no século XIXproblemas: o primeiro é que moitos autores non asinaban os seus traballos; o segundo é que moitos fotógrafos pertenceron a sagas familiares e as súas obras, si se asinaban, era co apelido familiar, co que a atribución a un ou a outro membro resulta problemática; a terceira dificultade é que moitos dos fotógrafos do XIX traballaban dunha maneira itinerante, co que atopamo ano pero en distintas cidades e, a cuarta, por se as anteriores xa fosen poucas, é que en moitos textos aparecen fotografías mal datadas e con adxudicacións máis que dubidosas, o cal contribúe a que outras persoas publiquen eses datos e o erro inicial acabe multiplicándose. Resulta oportuno, aquí e agora, relatar a historia que conta Ánxel Fole na introdución ao libro Lugo cita con dos siglos (1886-1926), recopilación gráfica de José María Álvez González.

Unha anécdota moi curiosa e que representa moi ben a alegría con que moitas persoas, mesmo estudiosos do tema, poñen pés de foto ou adxudican anos de toma ás distintas imaxes. No ano 1910, conta Fole, un conserxe da Audiencia estaba a tomar o sol apoiado na fonte que por entón estaba na praza Maior da nosa cidade, o caso é que ao estar vestido coa súa levita toda chea de dourados resultaba unha figura curiosa e un xornalista francés e o fotógrafo que o acompañaba, que por alí pasaron, fixéronlle unha foto. Tempo despois, dita imaxe saíu publicada nunha revista de París co seguinte pé de foto: “Un xeneral español tomando o sol na Praza Maior”. De conserxe ascendérono a xeneral dos exércitos españois.

Se estudamos a un dos historiadores máis prestixioso da fotografía en España no século XIX, o norteamericano Leo Fontanella, vemos que menciona no seu libro La historia de la fotografía en España. Desde sus orígenes hasta 1900, os seguintes fotógrafos que traballaron na nosa cidade: Avrillon, Salvador Castro Freire, Carlos Fuentes, Rodríguez e
Romay, Constantino Rodríguez e Pedro Varela. Igualmente menciona outros nomes de fotógrafos que traballaron na provincia durante o pasado século XIX: J. e C. Insúa, Pernas, Antonio e Xullo Teijeiro e F. Díaz, en Mondoñedo; R. Franco e M. Vázquez, en Ribadeo; en Sarria, A. Fernández e Garita, e, en Villalba, Losada.

Aínda que nalgúns casos poden existir imprecisións, por exemplo Pernas, supoñemos que se refire a Santiago Pernas, que abriu o seu estudo en Mondoñedo, “Modernista Pernas”, en pleno século XX, concretamente o ano 1910. Loxicamente non menciona a un dos mais notables fotógrafos do XIX na nosa cidade, que é Maximino Reboredo Blanco, dado que o libro de Fontanella está publicado en 1981 e o traballo de Maximino Reboredo foi descuberto en 1997.

En cambio, o importante estudoso da fotografía española, Publio López Mondéjar, na súa Historia de la Fotografía en España, publicado en 1997, de todos os fotógrafos, que traballaron en Lugo no século XIX, citados por Leo Fontanella na súa obra, soamente fala dun: Avrillon, e traballando na Coruña.

Achega do xa mencionado Avrillon, que aparece citado por diversos autores traballando en distintos lugares de Galicia, hai que dicir que detrás deste nome están Antonio Avrillon que veu de Francia e estableceuse na Coruña ao Pedro Varela Juan M. Ocalña redor de 1845; o seu fillo Xan Bautista e o seu neto Xosé, que continuaron co estudo de fotografía. Por isto, cando aparece unha fotografía co nome de Avrillon, non debemos esquecer que o seu estudo permaneceu aberto mais de 70 anos, e que a autoría pode ser atribuída a calquera dos tres. Hai constancia dunha fotografía, tomada nos xardíns do chalé do arquitecto Cobreros en Lugo, de 1896, asinada por Avrillon. Por tanto, é pouca e confusa a información de que dispoñemos de como chegou e se difundiu na nosa cidade o fenómeno fotográfico. Só temos a certeza de que ao longo do século XIX pasaron por Lugo algúns fotógrafos foráneos e tamén coñecemos algo de lucenses que se dedicaron á fotografía nesa época.

Sabemos que moitos fotógrafos traballaban desprazándose duns lugares a outros, como o francés Jean Laurent (1816-1886), do que existen imaxes tomadas en Lugo en 1883, como a do viaduto da Chanca, ou o tamén francés, aínda que posteriormente nacionalizado español, Joseph Sellier Loup (1850-1922), que se instalou de forma definitiva na Coruña, e do que temos fotografías de diversos edificios públicos da nosa cidade feitas en 1895. Louis Sellier (1837- ?), irmán do anterior, presentou unha trintena de fotografías na Exposición Rexional celebrada na nosa cidade en 1877. Este fotógrafo foi o autor do retrato máis coñecido de Rosalía de Castro. Aínda que, está claro, que teñamos fotografías de Lugo asinadas por estes fotógrafos non é garante de que as fotografías fosen tomadas por eles persoalmente. Canto máis modesto sexa o fotógrafo máis posibilidades existen de que as fotografías que leven a súa firma estean realmente feitas por él. Os estudos de certa importancia, xa non digamos os dos fotógrafos máis famosos, tiñan un gran número de operarios que non soamente realizaban o seu traballo no estudo, senón que en moitas ocasións eran enviados pola xeografía española á captura de imaxes. Mesmo era frecuente a compra de arquivos A fotografía lucense no século XIXfotográficos polos estudos máis importantes para logo vender esas imaxes baixo a súa propia firma.

Cando falamos de fotógrafos de finais do XIX e principios do XX tendemos a valorar o seu traballo dunha maneira case exclusivamente desde un punto de vista documental, polo valor histórico que poidan ter as imaxes, pois nos permiten recuperar visualmente o pasado e, á parte do nostálxicas que nos poden resultar esas imaxes, serven de gran axuda á hora de restaurar edificios ou de estudar os cambios sufridos pola cidade, recuperar vestimentas e todo o que se pode sacar dun documento fotográfico con máis de cen anos. Pero á marxe do valor documental que moitas fotografías do pasado poidan ter, hai outra valoración que, para un fotógrafo, é igual de importante ou máis, e é o talento, a sensibilidade con que están realizados algúns traballos e que ao sumarse o valor documental, as súas obras resultan imprescindibles.

Este é o caso do que foi, posiblemente, o máis interesante fotógrafo lucense do século XIX, Maximino Reboredo Blanco (1876-1899), non soamente pola calidade técnica das súas obras, que tamén, senón polos valores estéticos das súas fotografías, ademais de pola variedade temática do seu traballo, sumándolle a todo iso o valor documental que, indiscutiblemente, ten toda a súa obra: retratou gran variedade de personaxes lucenses de distintas clases sociais, militares, escenas familiares, romarías, personaxes populares, e igualmente é moi valiosa a ampla colección de retratos de persoas falecidas, nenos e adultos, que realizou. Se temos en conta que morreu por tuberculose antes de cumprir os 24 anos, ten máis mérito o labor realizado en tan curto espazo de tempo.

Dos fotógrafos lucenses, que traballaron no século XIX, do que temos máis información e coñecemento é de Salvador Castro Freire (1869-1952), farmacéutico que tiña a súa botica na rúa San Pedro da nosa cidade, aínda que unha parte moi importante do seu traballo realizouse nas dúas décadas primeiras do seguinte século. Do seu traballo publicáronse dous libros, o primeiro en 1982, Lugo cita con dos siglos (1886-1926), recopilación gráfica de José María Álvez González, xa citado anteriormente, editado pola Deputación Provincial de Lugo, e o segundo Instantes na memoria: fotografías de Salvador Castro Freire (1869-1952), editado, igualmente, pola Deputación.

No ano 1951 o propio Castro Freire publicou o seu libro Lugo y sus hombres. Ensayo de Sínteses Histórica, edición do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, no que fai un repaso pola historia da cidade de Lugo e no que publica numerosas fotografías da nosa cidade.

Aínda que durante o século XIX a fotografía era realizada, case sempre, por homes, houbo algunhas excepcións, como a da fotógrafa de Mondoñedo Antonia Santos García (1831-1905), que, posiblemente, tiña o seu gabinete fotográfico na antiga rúa das Angustias de Mondoñedo. A súa obra maioritariamente son retratos do tipo tarxeta de visita. Exerceu a súa actividade fotográfica durante case catro décadas.

Outros autores dos que temos algunha referencia da súa estancia na nosa cidade, aínda que sexan moi escasos os datos que se poden facilitar sobre algúns deles, son Juan M. Ocaña, que posiblemente fose un fotógrafo itinerante, dado que está documentada a súa presenza en León e Astorga retratando polas feiras, e do que se conservan dous fermosos retratos. Pedro Varela Ulloa, tivo estudo na nosa cidade e anunciábase como pintor, fotógrafo e gravador; desenvolveu o seu traballo a finais do século XIX e a súa actividade rexistrouse en Lugo, Ourense e Tui, antes de trasladarse definitivamente a Valladolid. Sobral e Pardo eran dous socios, tiñan o seu taller na rúa San Pedro.

Constantino Rodríguez tiña estudo no número 11 da rúa de Conde Pallares, traballando na nosa cidade a finais do século XIX pero tamén na primeiras décadas do XX. Ramón Sánchez Navarro, que no dorso das súas fotografías se presentaba como fotógrafo da Casa Real, tiña o seu estudo na rúa da Cruz 9, segundo os anuncios que aparecen no diario El Regional entre os anos 1885 e 1887, aínda que nalgún momento figura como instalado na Tinería.

A finais do século XIX, Antonio M. Quiroga funda en Xixón a Sociedade Electro Fotográfica, especie de marca franquicia de estudos fotográficos, con sucursais en diversas provincias e que en Lugo tivo á fronte ao fotógrafo Carlos Fuentes, do que coñecemos algunhas fotografías de reportaxe social do ano 1897.

Son moitas as preguntas que nos podemos formular en relación coa maioría dos fotógrafos que traballaron no século XIX na nosa provincia e para maioria delas non coñecemos a resposta: ¿Como se formaron?, ¿Tiveron algún mestre que os iniciou nas prácticas fotográficas?, ¿Foron autodidactas?. Tampouco sabemos, en xeral, como eran os seus estudios, supoñemos que modestos, un espazo para traballar e outro para laboratorio.

No ano 1897 publícase en Pontevedra a revista Galicia Moderna que tivo unha curta vida xa que soamente se fixeron 30 números, o último en 1898, aínda que co mesmo nome editouse en Cuba outra revista entre os anos 1885 e 1890.

En distintos números de Galicia Moderna de Pontevedra publicáronse bastantes fotografías de temas lucenses, aínda que sen a firma do fotógrafo.

Sobre os textos publicados relativos á fotografía no século XIX na nosa cidade hai que mencionar o artigo “La fotografía y sus aplicaciones” escrito polo catedrático de agricultura Sotero Bolado Alonso no xornal El Regional o día 14 de maio de 1892. Nel fai un percorrido pola historía da fotografía no que demostra estar ao tanto dos últimos adiantos técnicos e do camiño das investigacións que se desenvolvían no campo da imaxe, artigo no que afirma que pronto sería necesaria a creación de cátedras de fotografía e no que termina preguntándose si se chegará algún día a poderse fotografar en cor, para terminar afirmando que el si cree que chegará ese momento. A fotografía en cor conseguiríase poucos anos despois da súa morte. Mais nesa época, século XIX, non era frecuente que figurase o nome do fotógrafo ao pé das imaxes polo que, en moitas ocasións, resulta complicada a atribución a un fotógrafo dunha determinada obra, así que de moitas fotografías, moitas veces as mellores, o seu autor queda no máis absoluto anonimato.
Ochoa, Eduardo
Ochoa, Eduardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES