Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

GTI

lunes, 31 de diciembre de 2007
De repente a curva, o patinazo, o coche seguiu por onde el quixo, coma se tivese vida propia. Agora o silencio, a escuridade. Estades aí? estades ben? Nada. Permanecía inmóbil, non lle obedecían as pernas, sentira unha forte dor na caluga e notaba como o sangue lle corría polo lombo e tamén o seu forte sabor Dozón na boca. Nada. Silencio. Escuridade. A Miguel pareceulle que se escoitaba un río ó lonxe pero non sabía se era real ou era a súa memoria que volvía á infancia, ó seu río de Miranxón. Alí estaba o Miragalla, o Lebre, o Bareta e mais el con aqueles ridículos bañadores ata os nocellos. Eran os putos amos, ninguén saltaba mellor da corda ó pozo ca eles. O Bareta era quen de coller coas mans as troitas que se acochaban baixo as pedras ou nas raíces dos amieiros, ías acariñando pola barriga e cando máis confiadas estaban botáballe-la gadoupa e zapa. Como lle gustaba metérllelas vivas polo escote do bañador á Mariví! e mira ti o que son as cousas casaran o verán pasado.

Debo ter un brazo dereito roto porque me doe un pouco máis arriba do cóbado e tampouco o dou movido. Me cago en tal, non o entendo! Nin sequera lle saltaron os air bags, e con control de estabilidade que ten este coche no sei como puido ocorrer!

Acordábase daquela vez que estando os catro no río chegaran aquelas primas da Mariví de Madrid. Vaia mozas, xa non gastaban bañador senón bikini, iso era unha novidade en Miranxón e un regalo para vista. Bareta pasou toda a tarde collendo troitas. O Lebre mercara unhas gafas de sol e poñía unhas poses para impresionar as madrileñas que daban risa. Fora un verán divertido aquel. Sempre xuntos para tódolos sitios. Coma agora e así seguirían senón casara o Bareta, pero os outros alí estaban. Miragallaaaa, Lebre, estades ben? Por que non dicides nada. Merda, debo ter as pernas entrampadas polo salpicadeiro, deformación controlada poñía a propaganda, ja! O próximo coche que compre ha de ser de ferro macizo, meca…!

Que faría súa nai a tal hora? Seguro que xa está preocupada, como chegue o día e non estea na casa é capaz de remexer Roma con Santiago, boa é miña nai. O peor é que non me vai dar nada para comprar outro coche e este así a ollo non ten moi boa cara. Estades aí? Oídes? Seguro que están inconscientes polo golpe. O Miragalla xa viña algo prexudicado, seguro que nin se decatou. Hoxe pillouna boa, non aguanta nada. Aquí estamos o Lebre e mais eu tan frescos. Dios que canso estou, case vai ser mellor que bote unha soneca mentres nos ven alguén sacar de aquí, seguro que pasa alguén e ve as rodeiras. Que mala sorte, xusto agora que ía comezar a traballar no taller do Mañas e seguro que teño que estar algún tempo no hospital e colle a outro fixo. Péchanseme os ollos, non podo máis, a ver se vou eu tamén perde-lo sentido. Pero sigo escoitando o río. Que fai aí o Bareta coa troita na man? Deus que fría está a auga, córtache a circulación das pernas. Xa non me quero bañar máis. Non insistas Lebre, non quero. Agora quero descansar, así, cos ollos pechados, ó sol. Que gusto! Parece que me está entrando algo de sono. Así, así que ben.
Ansemil, Xosé Luis
Ansemil, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES