Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Día das Letras Galegas 2019 para Antonio Fraguas

jueves, 16 de mayo de 2019
O pleno da Real Academia Galega acordou, na sesión celebrada o sete de xullo do pasado ano 2018, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2019 ó historiador, xeógrafo, etnógrafo, narrador oral, intelectual… Antonio Fraguas Fraguas. A súa candidatura fora encabezada polo académico Francisco Díaz-Ferros. A candidatura de Antonio Fraguas obtivo, na primeira e única votación, dezaseis votos fronte ós oito que obtivo a do ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Houbo unha abstención.

Segundo manifestou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nunha rolda de prensa celebrada despois da sesión plenaria, a decisón foi froito dun “debate vivo e apaixoante entre os defensores de dúas grandes figuras”. Con esta elección a RAG reinvindica –en palabras do presidente- “a memoria, a cultura e a lingua do pobo posto que foi unha das persoas que máis tempo dedicou a recoller, sistematizar e coñecer esta riqueza”.

Pola súa banda, o académico Francisco Díaz-Ferros definiu a Antonio Fraguas como “unha figura do galeguismo” que é un referente “xa non só polo seu talante ético en defensa permanente do galego, senón pola súa capacidade de transmitir estes sentimentos a todo o mundo”. Salientou, ademais, os máis de trescentos libros e traballos publicados que constitúen “unha obra importante na que mostrou un galego tan particular, tan auténtico, tan sinxelo e tan cariñoso que non houbo niguén, quizais, que o fixese desa forma tan persoal e tan directa”. Rematou dicindo que Antonio Fraguas “recuperou a voz do pobo e que chegou o momento preciso para recoller os alicerces da nosa cultura, o noso mundo, o mundo campesiño que xa estaba a desaparecer”.

O profesor Xesús Alonso Montero escribía non hai moitos días que “Na súa dilatada existencia (1905-1999), a principal ocupación do investigador Antonio Fraguas Fraguas foi a de recoller as manifestacións da sociedade rural galega, dun xeito especial as literarias, desde a cántiga breve ás pezas de teatro do entroido e doutros festexos. Pertence don Antonio a ese elenco de etnógrafos que se interesaron pola voz do pobo (do pobo rural), manifestada en verso ou en prosa en texto da tradición oral, hoxe máis coñecidos pola vía erudita e escolar que nas augas enxebres da tradición oral”.

Pola súa parte, Francisco Rodríguez Iglesias, nunha entrevista concedida á revista Amencer de Mondoñedo, di que “sen dúbida o trazo da súa personalidade máis importante era a súa bondade e a súa capacidade de escoitar a todos con paciencia e sen autoritarismos” e califica a Antonio Fraguas como “un gran divulgador. Escribindo e falando contaba as cousas sinxelamente, asequibles para todo o mundo”.

Hai que dicir que foi acerto, por parte da Real Academia Galega, a designación de Antonio Fraguas Fraguas para homenaxealo no Día das Letras Galegas de 2019. Isto vainos permitir achegarnos a unha das grandes figuras da cultura galega en moitos dos seus eidos, sobre todo, no da cultura popular. Aparte de ser un excepcional narrador oral, deixou unha obra enorme, grande e non só polo número de títulos senón tamén polo seu contido.

Recibiu varias distincións entre as que están o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, a Medalla ó Mérito Cidadán e Cultural do concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, o nomeamento de Cronista Oficial de Galicia...
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES