Votar contra o carallo 29
Santalla, Iago - miércoles, 22 de mayo de 2019
Nos tempos da Restauración había eleccións cun único candidato co que votar era absurdo. De aí naceu a expresión o carallo 29. Unha profesora de historia explicounos outra versión que afirma que vén de que Primo de Rivera impuxo o sufraxio obrigatorio nunha época na que, debido ao caciquismo, non votaba ninguén. As dúas versións fan referencia a réximes caciquís e cunha falla total e absoluta de sensibilidade cara ao pobo.
Hoxe, gozamos dunha democracia avanzada e dun dereito ao voto que non é deber nin debe selo. Non en tanto, deberíamos exercer este dereito autoimpoñéndonolo como unha obriga moral. Se nos cremos que somos un país avanzado, isto é cousa de todos e todas e entre todas e todos decidimos o rumbo que deberá tomar a nosa quilla. Isto incumbe todo o entramado institucional dende o concello ata Europa. Todo vai influír na nosa vida, queiramos ou non; por iso, cando nos poñen o remedio na man, debemos poñer todo da nosa parte.
Hai que votar e logo hai que mirar con lupa se o votado responde ou non ás nosas expectativas. Se nos equivocamos podemos rectificar a próxima vez. O que si temos é que coidar con agarimo o sistema democrático non vaia virarse en autoritarismo e teñamos que defendernos novamente do carallo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora