Voz nacente
Requeixo, Armando - lunes, 13 de mayo de 2019
A incesante roda da sucesión xeracional xira e xira e trae novas voces ao panorama literario. Aos nomes de vedraios e consolidados súmanse os de prometedores noveis que comezan a dar mostras do seu talento, asegurando un porvir esperanzador para as nosas letras.
É este o caso de Xosé Carlos Carracedo Porto, de quen souben por colaboracións en prensa (Tempos Novos, O periódico Lalín e Comarca) e, sobre todo, polo seu labor á fronte do valioso fanzine Cicloxénese Expresiva, publicación alternativa, xenericamente mestiza, que resultou unha agradecida terra de acollida para a creación visotextual máis diversa.
Somos de Arxerís é o título do primeiro libro de Carracedo Porto, un conxunto de ducia e media de relatos nos que se descobren feitíos e intuicións que xustifican o interese da lectura.
Arxerís é un territorio imaxinario, un novo Macondo a medio camiño entre o real e ficcional no que o seu autor sitúa as historias duns seus personaxes ben dispares que se ven interrelacionados xustamente por esa pertenza a un espazo comun.
Polo demais, as tramas desta case vintena de contos é do máis variada, aínda que predomina nelas a apelación ao fantástico puro; isto é, á inserción no medio e medio dun contexto perfectamente plausible dun elemento inexplicable pola razón que reconfigura toda a interpretación do relato. Así acontece en Baiuca, taberna parroquiana que acaba por se converter, co pasar do tempo, nunha sorte de local habitado polos espectros de vellos literatos e artistas; ou en A empresa do pasamáns, no que unha varanda amosa estar viva e consegue relacionarse cun empregado; incluso en O fotógrafo, onde a ilusión da posible eternidade dun ser vivo deixa en suspenso o final incerto. Noutros textos, pola contra, a inmersión nunha atmosfera de irrealidade ou pararrealidade domínao todo, como acontece en A clínica libertaria, na que é a natureza do narrador ―un demente que confunde un centro psiquiátrico co cárcere― a que explica a confusión; tamén en A rapaza da camisa azul, estraña historia ferroviaria de tinturas alegóricas; e en Tic, tac, crónica da obsesión dunha farmacéutica polo paso do Tempo. Finalmente, hai tamén outros contos que beirean o marabilloso, pois están participados de personaxes non empíricos, como sucede en Queridos Reis Magos ou na relación con Satanás reflectida en Eterno retorno.
Todas estas realidades inexplicables, mistéricas aparicións, teimas enfermizas e presenzas insólitas conforman un mosaico no que pula por riba de todo unha poderosa imaxinación, que Carracedo Porto acerta a embridar na lóxica interna dos relatos, ben executados estruturalmente.
Especialmente agradecida é a asunción do herdo de grandes referencias da narrativa galega e foránea que o autor sabe incorporar en homenaxes e celmosos diálogos intertextuais. Faise evidente cando un le O vello canteiro e lembra, ante o abraio deste polas enormes dimensións dun mundo maxinado como un enorme e inexplorado océano de contos e aventuras, no Dieste de O grandor do mundo. Ou cando compraba que aquel vello proxecto literario de Cunqueiro que ía chamarse Cinza na manga dun vello dá aquí título e motivo argumental para outro dos relatos. Parentescos literarios que poderían estenderse aínda a outros clásicos de noso, como Xosé Neira Vilas, e tamén de alén, como Miguel Torga ou Gabriel García Márquez, ambos os dous, por certo, amentados non poucas veces nestas páxinas.
Vai o cabo, mais non quero pechar sen recomendar outras dúas visitas no volume: o conciso e sabedoiro prólogo A imaxinación vive en Arxerís, que serve de lumieira a este volume e asina un fino lector, Luís Reimóndez, e mais as magníficas instantáneas que ilustran os relatos, obra de Fuco Reyes, autor tamén da fantástica ilustración lunar que asoma á cuberta deste libro publicado por Toxosoutos.
Somos de Arxerís é un ilusionante comezo que cómpre agradecerlle ao entusiasmo mozo de Xosé Carlos Carracedo Porto, unha outra voz nacente coa que a literatura galega se anova e se renova.

Requeixo, Armando