Transversalidade
Editorial - viernes, 28 de diciembre de 2007
Touriño falou de transversalidade, ese concepto que en educación se utilzia cando un tema ou materia entra a formar parte, por dereito propio, de diversos contidos. Cando un tema ou materia non pode circunscribirse a unha determinada rama senón que, pola súa importancia ou vixencia, está presente en diversos campos formando parte indispensable da formación que deben recibir os máis novos dos galegos.
E nesto, que Touriño fala da transversalidade do galeguismo, descubrindo algo que todos entendemos ou sabemos, por experiencia, por intuición, por querencia.
O Presidente Touriño afirma que o galeguismo é un fenómeno histórico polifacético, plural e transversal, aplicando esa transversalidade ó feito de ser asumido por moi amplos sectores sociais, onde radica a súa forza e o seu potencial.
A declaración obvia, por outra parte- fíxoa no decurso da presentación do libro A esforzada conquista da autonomía, de Ceferino Díaz, facendo especial fincapé no labor das xentes da esquerda na consolidación dunha autonomía en Galicia, onde tiveron un papel de testemuña e permanencia os membros do colectivo Realidade Galega, que conservaban a lexitimidade histórica por riba de calquera limitación física ou temporal .
De acordo con esa transversalidade, o mérito da autonomía témolo todos os galegos. Máis, naturalmente, os que exercían a política hai tres décadas que fixeron posible que Galicia atopase un camiño para o futuro baseado na historia.
A transversalidade do galeguismo segue vixente, e hoxe hai galeguistas conservadores, centristas e progresistas, completando un abano amplo cunha fe común: este país pode mellorar só con crer nel e traballar por el.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora