Noosfera e supercerebro
Rubal, Pedro - viernes, 10 de mayo de 2019
Considero oportuno ofrecerlles neste artigo un contido que espero reciban con interese, aínda que a natureza do mesmo comporta unha certa extensión. Pero tamén comprendo que non podo omitir a explicación dalgúns termos, absolutamente necesarios, porque a temática esixe o uso dos mesmos para facela comprensible.
Como necesito referirme á INTUICIÓN, e hai varios tipos da mesma,vou utilizar aquí este termo como un modo de coñecemento primario e inmediato. Quedan, por tanto, excluídos os coñecementos obtidos mediante razoamentos dedutivos. E así o entende tamén a Enciclopedia Británica, que define a intuición como o poder (a facultade) de obter coñecemento que non pode ser adquirido nin por inferencia, nin por observación, por razón ou experiencia.
Que é a NOOSFERA?. Lamento non poder aquí abordar un pouco máis a fondo as intuicións cósmicas de Pierre Teilhard de Chardin, o Peregrino do Futuro, que así se chamou el a si mesmo. Como saben estou a referirme a un xesuíta francés, dedicado a xeoloxía e paleontoloxía, que, con paradoxo, entusiasmouno moito máis o futuro que o presente, pese a súa dedicación profesional ao pasado deste Planeta Terra. Foi un convencido evolucionista, que non sempre o souberon entender os seus superiores, nin as xerarquías eclesiásticas. Pero o que realmente o preocupaba era o futuro da humanidade, precisamente por isto, pasou da evolución biolóxica á do home, realizada socialmente.
E designa co nome de Noosfera, como resume Fabio Mantovani nun traballo monográfico, o conxunto de actividades intelectuais e espirituais expresadas pola humanidade. Estas acumuláronse no transcurso do tempo e están entrando de continuo nunha memoria colectiva que ocupa hoxe en día un espazo virtual ilimitado. A Noosfera emerxe da Biosfera, etapa anterior na intuición cosmolóxica de Teilhard, comprensiva da vida que envolve o Planeta. Resalta este enxeñeiro italiano que a Noosfera apóiase nunha estrutura física constituída polos medios de comunicación de todo tipo que fan posible a instantaneidade das interaccións humanas, sendo previsible a formación dun posible Centro de decisión e Reflexión colectiva, e cree que a Humanidade debe co-evolucionar harmonicamente coa Biosfera por medio da Noosfera, interpretando o pensamento intuitivo do ilustre xesuíta.
Teilhard, na continuidade do proceso evolutivo, constata dúas descontinuidades: A emerxencia da vida (Biosfera) e a conciencia e pensamento (Noosfera) no home, e o proceso dentro desta última descontinuidade está definido por o de socialización e o de planetización, e por este último, en palabras de D. Agustín Udías, xeofísico, da UCM, ha de entenderse a xeración e desenrolo de todos os procesos culturais e sociais que TENDEN A UNIR ÓS HOMES A UN NIVEL PLANETARIO
. (As maiúsculas, miñas). E Teilhard xa introduce o que chama NEO-CEREBRALIZACIÓN COLECTIVA, a nivel planetario cara a unha unidade final.
Se nos detemos a estudar o pensamento intuitivo deste prodixioso intelectual xesuíta, non podemos menos que sorprendernos de que no campo da comunicación fora capaz de adiantarnos un avance tan espectacular. Así é o caso da rede de comunicacións que cobre toda a Terra, con internet á cabeza, posto que intuíu a funcionalidade da Noosfera, envoltura pensante, na que os medios de comunicación crean o que el denominou co-conciencia etérea, unha premonición do mesmo mundo virtual e o ciber-espazo de internet.
Tamén o espectacular alcance acadado con medios técnicos polos nosos sentidos tende a formar un super-cerebro tecnolóxico a través do mundo, que, sen dúbida, facilita un aumento exponencial do coñecemento, que induce a vertixinosa mellora nos medios de comunicación, e esta, a súa vez, posibilita o crecemento da mesma conciencia.
Debo facer constar que a este modesto traballo levoume unha información de D. Leandro Sequeiro, Dr. en Ciencias e membro da Academia de Ciencias de Zaragoza, de vastísima cultura, como Vicepresidente da Asociación de Amigos de Teilhard de Chardin, en versión española, da que me cabe o honor de ser socio fundador.
Comunicounos o amigo D. Leandro, a todos os socios, a publicación dun artigo, titulado La Internet del Pensamiento será posible este siglo, na revista dixital Tendencias21 (https://www.tendencias21.net/La-Internet-del-Pensamiento-sera-posible-este-siglo_a45210.html?print=1), porque considerouno interesante en relación coa Noosfera e o Transhumanismo, en Teilhard.
Antes de incorporar as ideas deste artigo, creo que pode facilitar a súa comprensión a achega aquí doutras ideas máis, que corresponden ao filósofo norteamericano, da Universidade Willian Paterson, Eric Steinhart, quen ofrece algunhas interesantes razóns que aconsellan aos transhumanistas estudar a Teilhard, aducindo que foi un dos primeiros en ocuparse en abordar temas relacionados con esta temática, e a Teoría do punto Omega, cara a onde pensa que evoluciona o Universo, polo que existen motivos para arbitrarse estratexias que tendan pontes cos cristiáns liberais e progresistas, entre os que Teilhard goza de moito prestixio intelectual.
Partindo este filósofo norteamericano de que, para Teilhard, a escala de complexidade vai dos átomos aos humanos e máis aló, formula así a Ley da Complexidade: A emerxencia cada vez de sistemas máis complexos é directamente proporcional a emerxencia de computadoras cada vez máis poderosas. E para Teilhard a NOOXÉNESIS é a emerxencia de mentes máis e máis poderosas, que, isto traducido á linguaxe computacional, enténdese como a EMERXENCIA DE COMPUTADORAS CADA VEZ MÁIS PODEROSAS.
Poderíamos entrar aquí buscando analoxías coas seis épocas de complexidade que describe R. Kurzweil, o padre do Transhumanismo, cando afirma a transformación da vida polo ritmo do cambio tecnolóxico, e dos humanos en superhumanos (a Singularidade para E. Steinhart); pero sería demasiado neste modesto traballo.
No artigo a que fai referencia o Dr. Sequeiros abórdase a investigación dunha interfaz (conexión) cerebro/nube que non tardará moito en ser posible grazas aos avances da nanorrobótica, que é o campo das tecnoloxías emerxentes, e crea robots a escala nanométrica (UN nanómetro = UNHA MILLONÉSIMA PARTE DUN MILÍMETRO).
Parece que a próxima xeración de NANOBOTS navegará polo sistema vascular humano, cruzará a barreira hematoencefálica e acabará situándose entre as neuronas e células nerviosas. Isto facilitaranos o acceso instantáneo a todo coñecemento humano acumulativo dispoñible na nube e mellorará a nosa aprendizaxe. Tampouco se exclúe a posibilidade de crear un sistema central global que facilite o pensamento colectivo: Parece que uns investigadores norteamericanos conseguiron conectar tres cerebros e compartiron os seus pensamentos.
E xa para terminar, recollo a mellor conclusión, referida a Teilhard, de J. Rof Carballo. Di así: Algo moi importante que a min me impresiona en Teilhard é o seu poder de adiviñación, neste mundo no que vivimos tan acelerado. Inmediatamente despois da súa morte empezaron a realizarse cousas que el adiviñou. E tamén adiviñou, dentro dos límites que os seus tempos de vida lle proporcionaron, máis ou menos implicitamente, os pensamentos que xera o avance nanotecnolóxico e a aplicación desas nanométricas máquinas chamadas NANORROBOTS ou NANOBOTS.

Rubal, Pedro