Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Coral do Hospital de Lugo dá as grazas

viernes, 10 de mayo de 2019
A música é arte que deixa fondas pegadas, escrita no ar, vibrando no cerebro ou atesourada nos faiados da memoria. Música culta, música antiga, música actual, música clásica, música popular, música coral, infinitas formas musicais. Música banal e prescindible ou música valiosa que permanece. Ao fin, espida de calificativos, música. Que canta, acompaña, escoita, une, conmove.

Menudean na cidade concertos de todo tipo, eventos musicais. O último, este sábado á tardiña no Círculo das Artes. Homenaxe a don Edelmiro Ulloa, impulsor ao longo de moitos anos da Coral do Hospital Xeral-Calde, hoxe Coral do Hospital de Lugo. O fastoso salón, encheuse de xente amante da música coral e agradecida a este home notable, cura a carón dos enfermos do hospital. A el dedicaron estas doce cancións. Doce apertas de música a un home necesario na historia grande da cidade pequena.

Neste, como en tantos eventos de música clásica, música culta e música coral nótase e moito, a pesar dos conservatorios de música e de danza da cidade, a falta de mocidade nuns concertos que non acaban de espertar o apetito e a curiosidade dos máis novos.

Música. Emociona ou agradece, estoupa de alegría, éche verbena e meditación, entroido e luxo, camiño e festa, amor. A música é linguaxe así de universal, así de transversal. Desta volta tinguida coas delicadas cores do corazón e da gratitude ao fundador, ao presidente e compañeiro na coral.

Cancións de amor. 'Lembranzas de amor', no título. Sentimento que medra nos adentros. E mesmo serve para que a pel entre en combustión, para que agrome a primavera no sangue, para que mostre a ledicia de cantar xuntos ou, como hoxe, simplemente dé as grazas.

En galego, claro, pero tamén en castelán, en catalán, en euzkera, en inglés. Porque resulta que a música non coñece fronteiras e o amor é denominador común nas linguas das mulleres, dos homes. E porque as palabras están máis dotadas de lazos que unen e comunican, que de coitelos que firen e separan.

Detrás de cada canción, horas de ensaios. Diante, un público entregado, máis atento aos acertos que aos fallos. Un público que como todos os públicos, percatouse hai tempo de que tamén é protagonista nos concertos. A fin de contas no mundo do teatro, da danza, da música, o paraíso éche un salón cheo e o inferno un salón medio baldeiro.

Cando os fíos das voces tecen esa urdida que entrelaza ás que cantan, aos que cantan, á xente que escoita, a este Jácome que dirixe prodúcese ese pequeno milagre da comuñón coa música. Graciñas sexan dadas á musa que inventou esta linguaxe por onde transita a beleza.

Hoxe tamén daban as grazas ao home que creou e impulsou a aquela Coral do Xeral-Calde. A esta Coral do Hospital de Lugo. Cantando.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES